O proceso de admisión nas escolas infantís públicas galegas reabre este venres

O Goberno galego traballa nun borrador de instrucións provisionais no que se prevén supostos de presencialidade para realizar trámites no proceso e para os que se establecería un sistema de cita previa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

As escolas infantís públicas e concertadas abrirán este venres e ata o 29 de maio o proceso de admisión e de inscrición de praza para as familias galegas. A presentación de solicitudes poderase formalizar de forma telemática, a través de dous formularios dispoñibles na sede electrónica da Xunta. No entanto, o Goberno galego traballa nun borrador de instrucións provisionais no que se prevén supostos de presencialidade para realizar trámites no proceso e para os que se establecería un sistema de cita previa.

O documento preséntase dun modo similar ás instrucións publicadas pola Xunta para os centros educativos. É dicir, trátase dunhas recomendacións de carácter provisional a falta dun protocolo xeral publicado polo Goberno central.

Segundo o texto, que non é definitivo, organizarase o traballo evitando o contacto estreito, reducindo a frecuencia e respectando as distancias de seguridade, utilizando medios como o teléfono ou o correo electrónico entre o persoal e a cidadanía.

Para a atención ao público, utilizaríase un sistema de cita previa concertada telefonicamente ou mediante e-mail, e levaría a cabo no horario habitual do centro ou en franxas horarias determinadas por cada escola, en función das súas características.

O borrador inclúe tamén unha serie de directrices de protección individual e colectiva, na liña das recomendacións xerais impulsadas desde o Ministerio de Sanidade e as diversas institucións durante estas semanas de pandemia.

Entre elas, dispor de produtos de hixiene adecuados, manter as distancias de seguridade mediante obstáculos ante os mostradores, taparse a boca ao toser cun pano, lavarse as mans, realizar unha ventilación adecuada e unha desinfección frecuente de zonas comúns, sobre todo en áreas de traballo, entre outras.

Tamén se indican diversos niveis de risco, e identifícanse os grupos de traballadores máis vulnerables e máis afectados, que poderán quedar exentos tras a valoración do seu caso e no caso de que non se poida adaptar o seu posto de traballo con todas as garantías de seguridade.

O próximo 29 de xuño, un mes despois de pecharse o proceso de solicitude de praza, publicarase a listaxe provisional de admitidos e abrirase un prazo de cinco días hábiles para que as familias poidan presentar unha reclamación. A lista definitiva darase a coñecer o 20 de xullo e abrirase o prazo de matriculación, que se estenderá entre o 21 e o 30 dese mesmo mes.

Parque e zonas exteriores pertencentes a unha escola infantil. Eduardo Parra - Europa Press
Parque e zonas exteriores pertencentes a unha escola infantil. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta