Segundo de Bacharelato e FP regresarán ás aulas a partir do 25 de maio

Non aclara a situación dos menores de seis anos, tras deixalo o Goberno central ao criterio das comunidades autónomas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2020 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

As aulas galegas volverán abrir a partir do 25 de maio, polo menos para o alumnado de fin de etapa. A Consellería de Educación, Universidade e Formación profesional decidiu que os estudantes de 2º de Bacharelato e do segundo curso de FP Medio e Superior teñan esta posibilidade, incluída no plan de desescalada do Goberno central a partir da fase II.

O departamento dirixido por Carmen Pomar comunicou esta medida tras participar na reunión da Conferencia Sectorial de Educación, xunto coa ministra Isabel Celaá e os seus homólogos das comunidades autónomas.

No encontro, as comunidades mostraron un consenso maioritario para que a recuperación da actividade lectiva se limite aos cursos de fin de etapa e que implican unha titulación. Esta presencialidade retomaríase mediante clases de reforzo, de carácter voluntario e destinadas especialmente a aqueles estudantes que afrontan as probas de acceso á universidade.

No entanto, a Xunta non aclarou de momento o que fará co alumnado máis novo. Segundo indica o plan do Goberno central, as comunidades que entren na fase II da desescalada poderán tamén abrir os centros de educación especial e de educación infantil, neste último caso para aqueles menores de 6 anos cuxos pais teñan que regresar aos seus postos de traballo.

Os centros de educación infantil de Galicia dependen de dous departamentos diferenciados: por unha banda, a Consellería de Educación (3 a 6 anos) e por outro o departamento de Política Social (0 a 3), que xestiona a rede de gardarías de titularidade pública. 

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, durante a reunión telemática coas CCAA e a ministra Isabel Celaá. XUNTA
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, durante a reunión telemática coas CCAA e a ministra Isabel Celaá. XUNTA | Fonte: Europa Press

O alumnado dependente de Educación non regresará ás aulas este curso, segundo sinalan desde esta Consellería, pero a situación aínda non se aclarou no referente a Política Social.

Fontes desta Consellería consultadas por Europa Press sinalaron que o Goberno "avaliará a situación" e adoptará unha decisión, despois de que o Executivo central "descargase a responsabilidade" nas comunidades a pesar de que se lle pediu un criterio para decidir sobre a apertura destas escolas.

PROTOCOLO SANITARIO

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, reprochou pola súa banda a falta dun protocolo sanitario específico para o sector "a pouco máis dunha semana de poder abrir os centros" e a pesar de que o ámbito educativo "move millóns de persoas en todo o Estado".

Celaá comprometeuse a remitir ás comunidades recomendacións sanitarias para a reapertura dos centros e para o desenvolvemento das probas de selectividade, ademais dun protocolo sanitario deseñado para Ceuta e Melilla para servir "de referencia" aos Gobernos autonómicos.

Pomar tamén confirmou a participación de Galicia no grupo de traballo que abordala a organización do próximo curso, a programación didáctica e a dotación tecnolóxica para a adaptación ás circunstancias sanitarias e esixiu que se estableza "unha folla de ruta clara" que garanta "a igualdade no acceso á educación" a todos os alumnos.

OPOSICIÓNS

A conselleira tamén solicitou ao Ministerio que realice o cambio normativo que permita a acumulación de prazas da oferta de emprego público docente de 2020 e 2021, unha petición tamén realizada polos sindicatos educativos. O departamento de Celaá non pechou a porta e abordarao cos servizos xurídicos, e asegurou que a solicitude "ten cabida" no decreto que se está tramitando para a convocatoria.

Ante a proposta de anular as bolsas ao alumnado de FP que aprazou a Formación nos Centros de Traballo (FCT), Pomar demandou o mantemento destas axudas apelando á situación de excepcionalidade, e Educación asegurou que está a traballar para resolver esta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta