A Deputación de Pontevedra crea unha comisión técnica para asesorar os concellos

Poñerase en marcha un espazo web no que subir todas as consultas feitas polos concellos e as súas respostas para compartir propostas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2020 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra reuniu este venres o seu Comité de Seguimento fronte á enfermidade da COVID-19, que acordou a posta en marcha dunha Comisión Técnica de apoio local, que asesorará os concellos na aplicación de medidas e elaborará un documento técnico que sirva de guía.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou este venres nunha rolda de prensa telemática que o asesoramento desta Comisión Técnica será relativo ás modificacións orzamentarias, uso de espazos públicos ou competencias municipais coas que se poden adoptar medidas en todos os ámbitos da súa xestión para afrontar esta crise.

Esta comisión resolverá as dúbidas dos concellos sobre como se poden facer as modificacións orzamentarias, liñas de subvencións, actuacións en cemiterios, limpeza viaria, feiras, mercados, lonxas, comercio ambulante, materia impositiva, uso do espazo público, solucións para facilitar o distanciamento social e actuacións en praias, entre outros moitos asuntos.

Ademais, crearase un espazo web no que subir todas as consultas feitas polos concellos e as súas respostas para que, de maneira global, poidan ser usadas por outros concellos.

Tamén se redactará un documento "de carácter dinámico e vivo" que recolla todas as medidas e estratexias que leven a cabo no ámbito municipal (cambio de normativa, instrucións, ordes, etc.).

Carmela Silva destacou que "a súa composición será paritaria" e estará integrada por 14 persoas e coordinada por Gabriel Rodríguez Alonso, responsable do servizo de asistencia técnica intermunicipal da Deputación.

Comisión Técnica da Deputación de Pontevedra para asesora a concellos.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Comisión Técnica da Deputación de Pontevedra para asesora a concellos.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

xa se ve que son todos técnicos en "control social" ?