A morte dunha muller de 96 anos eleva a 602 as vítimas con COVID-19 en Galicia

Son 470 falecidos en atención hospitalaria e 132 dentro das residencias de maiores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/05/2020 | Actualizada ás 20:39

Comparte esta noticia

O número de falecidos con coronavirus en Galicia elévase a 602 (470 en atención hospitalaria e 132 dentro das residencias de maiores), tras a morte este venres dunha muller de 96 anos no Hospital do Barbanza.

Ambulancia trasladando a maiores de centros de residencias contaxiados con coronavirus
Ambulancia trasladando a maiores de centros de residencias contaxiados con coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez

O falecemento desta muller que presentaba patoloxías previas e do que informaron fontes da Consellería de Sanidade, prodúcese despois de que a xornada do xoves os hospitais galegos non comunicasen ningunha morte con coronavirus.

Con este último falecemento notificado, o número de mortes rexistradas en atención hospitalaria sobe a 470: 126 na área sanitaria da Coruña, 100 na área de Ourense, 91 na área de Vigo, 81 na área de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas dos falecidos, en atención domiciliaria), e 16 en hospitais da área de Pontevedra.

A estas defuncións hai que sumar as 132 rexistradas ata agora dentro das residencias de maiores, aínda que este venres e por oitavo día consecutivo, non se comunicaron falecementos con COVID-19 nas residencias.

En todo caso, hai que ter en conta que, dos falecidos en atención hospitalaria, hai 137 persoas que estaban vinculadas con centros residenciais (e que morreron en hospitais ou en residencias integradas). A ese respecto, os falecidos relacionados con residencias son 269, o que supón case o 45 % do total de vítimas mortais do coronavirus en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta