GC Aberto

O virus matou o neoliberalismo

A crise do coroa virus obríganos a reflexionar, a redefinir o modelo de sociedade na que queremos vivir e, en todo caso, a loitar contra a desigualdade para impedir que outros poidan valerse da situación no seu intento de dar continuidade ao degradante modelo neoliberal.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 20/05/2020

Comparte esta noticia

O cadro da Gioconda actualizado aos tempos que corren, cun móbil na man e unha máscara na cara
O cadro da Gioconda actualizado aos tempos que corren, cun móbil na man e unha máscara na cara

 

O impacto  xerado pola entrada en escena de Covid-19  superará con fartura os efectos o transo vivido no 2008, tendo en conta que a súa repercusión se perfila similar á de 1929, por tratarse  dunha pandemia  incontrolada que  traerá consecuencias catastróficas á economía e maior desigualdade e pobreza.

 

A dureza dos seus efectos fai imposible a súa erradicación no curto medio prazo e iso obedece en gran  medida ao dominio xeneralizado do  neoliberalismo que en aplicación á súa doutrina fixo que primase o lucro sobre calquera outro aspecto, non dubidando en reducir o gasto público e aplicar recortes indebidos nos sistemas de saúde; xerando con iso  un estándar económico inxusto e adversas condicións de vida, aspectos que no seu conxunto  crearon contornas apropiadas para acentuar a vulnerabilidade  dunha maioría da poboación  cuxas determinantes sociais os sitúan en risco preferente diante a actual  pandemia.

 

A utilización do dogma neoliberal foi totalmente contraproducente para a maioría social, pois  a aplicación do seu receitario imposibilitoulles controlar o seu propio destino dada  a total ausencia de virtudes solidarias desa doutrina  precursora  do dogma  do déficit mínimo, que viu  esborrallar a súa ficticia  prosperidade coa chegada do coronavirus.

 

Pero lonxe de  claudicar no seu empeño, o neoliberalismo insiste en defender a súa continuidade, iso polo menos é o que vén indicar a actitude dos seus subordinados na vella Europa, moi especialmente Berlín, que a pesar de que a pandemia acelerou o cambio cara a unha nova orde global, cara a unha economía moito máis intervida polo público, insisten en preservar as hipotéticas bondades do sistema, a pesar de que as consecuencias destes 40 anos de estafa económica mundial son devastadoras, pois os ingresos e a riqueza destilaron cara arriba, no canto de fluír cara abaixo, é dicir, os seus efectos adiñeiraron os máis ricos  e adxudicaron maior poder ás corporacións financeira e monopolios sen  poñer límites á acumulación de riqueza para reducir as desigualdades.

 

Non hai dúbida ningunha de que os efectos  da pandemia do coronavirus puxeron punto final  á economía global e por tanto ao neoliberalismo,  e diante a nova tesitura é obrigada  a intervención dos gobernos non tan só nos  mercados, senón igualmente en todo o relativo á economía real como única  solución  para evitar que a situación derive cara a un  desastre ao estilo dos anos trinta, extremo que esixe xerar unha contorna macroeconómica e institucional que ademais de garantir a estabilidade  reduza a recesión actual e intensifique o crecemento inclusivo.

 

Un cambio de versión na política económica que se transforme á vez no punto de inflexión e  marque o final  do período 1980-2020 que caracterizou un desenfreo capitalista sen precedentes, utilizando a falacia da capacidade  do mercado para organizar o mundo, sen necesitarse unha intervención pública; un  siloxismo  que nos tempos que corren ten imposible argumentación de defensa.

 

Se no 2008 a caída de  Lehman  Brothers puxo de manifesto  a quebra existente no  sistema financeiro, a propagación no 2020 da covid 19 fixo o propio coa fractura  do sistema neoliberal, no concernente a todos aqueles aspectos relacionados coa nosa sociedade e as nosas vidas; ata o extremo de facer saltar as contradicións cando para combater os efectos da pandemia  se tirou da intervención do Estado contra  a proclamada eficiencia do privado que enxalzaba o neoliberalismo como remedio, pois ao parecer cando as cousas se poñen crúas a ferramenta apropiada a utilizar xa non é o mercado senón o aparello gobernamental, o único disposto a librar e reordenar os recursos necesarios en favor de quen máis o precisa.

 

Agora que  da noite para a mañá os radicais defensores das  teses neoliberais coinciden  co resto da sociedade  en derrotar o virus, que ninguén pense que obrou un cambio de actitude  no seu comportamento, pois a realidade é que recorren a ese Estado que asiduamente rexeitan por puro egoísmo, xa que a diferenza doutros aspectos que non lles afectan neste caso senten que os efectos do virus representan un perigo real  ue ameaza  o seu benestar e integridade sen que a aplicación do seu dogma político o poida remediar.

 

Argumento sobrado para botar por terra a estendida  idea que ten esta xente  de facer negocio con calquera cousa,  pois ante esta eventualidade non ha de caber  a mínima dúbida  de que eses servizos públicos que nos salvan dun fatal desenlace, ademais de estar dispoñibles  gratuitamente para quen os necesite, non deben estar suxeitos de ningún xeito  a unha  conta de resultados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta