Abel Caballero acusa a Feijóo de quedar cos 22 millóns dos fondos sociais e non darlle nada aos concellos

Comunicou a Pablo Iglesias esta situación: "Poden estar a pensar que as Comunidades o transmiten aos concellos, pero non é certo".

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 17/05/2020 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, acusou ás Comunidades Autónomas de "quedar" cos recursos que distribuíu o Goberno para afrontar o gasto social provocado pola pandemia do coronavirus, cando este gasto o realizan tamén os concellos, e asegurou que explicou esta situación ao vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, que impulsou en marzo un fondo de 300 millóns para este fin.

"Transmitinlle unha información, non lle recriminei nada, porque eles poden estar a pensar que as Comunidades transmiten fondos aos concellos e así o din na Orde. Pois non é certo, non o traen aos concellos", dixo Caballero nunha entrevista con Europa Press.

O dirixente da FEMP, membro do PSOE e alcalde de Vigo, explicou que os municipios sufragan gastos como apoio a maiores, comedores sociais, axudas para familias, bolsas de comedor para nenos, etc. O Goberno permitiulles dedicar a estas cuestións unha parte do superávit que teñen do ano pasado, mentres que "a axuda déronlla á Comunidade Autónoma". "Que está a pasar aquí?", preguntou Caballero.

O dirixente local foi especialmente crítico coa Xunta de Galicia, á que segundo precisou o Goberno deu 22 millóns para este gasto social "pero a Vigo chegou 0", aínda que asegurou que esta é a mesma situación que viven o resto de cidades do país. "De forma moi importante as Comunidades están a quedar cos recursos que lles envía o Goberno de España, pero o gasto social fano os concellos, esa é a reflexión", insistiu.

MIL MILLÓNS PARA O TRANSPORTE DE AUTOBÚS

Abel Caballero esixiu tamén que as Comunidades cubran ademais unha parte do "buraco" que van sufrir os concellos nas súas contas polo transporte público, para o que a FEMP pediu axuda ao Ministerio que dirixe José Luís Ábalos. Afundiuse o número de viaxeiros e deberase indemnizar ás empresas concesionarias do servizo.

O presidente da Federación asegura que o déficit só polo transporte de autobús superará "folgadísisimamente" os mil millóns de euros no conxunto do país. A esta cifra sumarase o déficit que cause o metro nas cidades que teñen o subterráneo, como Madrid ou Barcelona.

PROPOSTA Á MINISTRA DE FACENDA

Caballero explicou que esta situación co transporte vaise a producir no resto de servizos que prestan os consistorios a través de empresas concesionarias, desde o aparcadoiro en superficie ás escolas infantís, pasando por piscinas ou instalacións deportivas.

A FEMP prepara un documento que enviará a semana que vén á ministra de Facenda, María Jesús Montero, co aumento de gasto que o coronavirus está a causar nos municipios e que, segundo Caballero, "superará probablemente todo o aforro" que teñen as entidades locais.

A batalla dos municipios é que Facenda lles permita poder utilizar este ano o superávit de 2019, uns 3.834 millóns de euros, e que se axude en paralelo aos municipios que non teñen estes aforros. Tamén reclaman un fondo de reconstrución para o sector local, porque ao aumento de gasto que sofren todos os concellos súmase a forte caída de ingresos.

Abel Caballero, na Zona Franca
Abel Caballero, na Zona Franca

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Así é como pensa repartir os fondos ? Dándolle os cartos públicos ás empresas privadas das concesións municipais ? E el mentras tanto qué fai? talóns bancarios ? Agora veremos o divertido que vai ser esata desescalada do carallo ! Feijoo que prepare tamén o talonario para Audasa e mesmo para o consorcio DomusVi e así todos liquidarán rápido as "axudas" que debían ir destinadas á xente e cobrarán as empresas ! Mentras a xente fará colas nos comedores !