Abanca e Deputación de Pontevedra acordan unha liña de financiamento para paliar a crise

O convenio asinado este luns dá continuidade ao 'Plan Activamos', que busca "promover o desenvolvemento económico da provincia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2020 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Abanca e a Deputación de Pontevedra asinaron o lanzamento dun plan de reactivación económica da provincia que incluirá un capítulo específico para paliar o impacto económico da crise do coronavirus en empresas e autónomos.

Segundo explican ambas as institucións en notas de prensa, o acordo ratificado este luns supón dar continuidade ao 'Plan Activamos', que xa foi aplicado por ambas as institucións en anos anteriores para "promover o desenvolvemento económico da provincia" a través de créditos "en condicións preferentes".

Neste plan de reactivación, Abanca pon a disposición das súas beneficiarios --familias, pemes, autónomos e corporacións locais-- produtos financeiros cunha "filosofía de máxima facilidade". Neste sentido, asegura que non haberá comisións por estudo, por amortización nin por cancelación anticipada, que terá "amplos prazos" para a súa devolución e que os receptores poderán acollerse a períodos de carencia "en determinados casos".

Para pemes e autónomos, o plan inclúe dúas pólizas de crédito, unha destinada especialmente a cubrir as necesidades derivadas da crise da COVID-19 e outra para poñer en marcha novos investimentos e negocios, para fomentar a eficiencia enerxética e a súa dixitalización.

No caso das familias, as liñas de financiamento están orientadas a adaptarse ás enerxías renovables e á mellora da habitabilidade no rural, entre outros. Mentres tanto, as corporacións locais poderán acceder ao plan para investimentos, avais e 'confirming' a provedores.

"ALIANZA ESTRATÉXICA"

Tras a firma, que se realizou de forma telemática entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Negocio Institucional de Abanca, Santiago Novoa, este último explicou que "a renovación desta alianza estratéxica" permite á entidade "apoiar o tecido socioeconómico da provincia".

"Neste momento de especial dificultade que están a vivir as pequenas e medianas empresas como consecuencia da COVID-19, esta oferta permitiralles atender necesidades de financiamento, competitividade ou dixitalización", detallou.

Pola súa banda, Carmela Silva subliñou que esta nova liña de financiamento favorecerá un sector "que necesita tanta axuda nestes tempos nos que temos que adquirir compromisos, cada un nas súas competencias". "Cando falamos de actividade económica estamos a falar de emprego, polo que calquera medida que favoreza a saída desta crise merece o noso apoio", incidiu.

Logo de Abanca. ABANCA
Logo de Abanca. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta