A Xunta anuncia 600.000 euros para a cultura o mesmo día que se anuncia a data de eleccións

A convocatoria para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega destinará 260.000 euros a impulsar a actividade desta industria xa desde o proceso previo á produción e rodaxe de novas longametraxes cinematográficas e produtos televisivos en distintas modalidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2020 | Actualizada ás 16:34

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia deu luz verde a tres liñas de subvencións ás industrias culturais cunha dotación total de case 600.000 euros, co obxectivo de activar o desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais, así como dotar de liquidez ás empresas creativas galegas para o pago de gastos de asistencia a foros cinematográficos e de distribución de espectáculos realizados con anterioridade ao estado de alarma.

Estas medidas, que forman parte do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, quedaron materializadas este luns na reunión do Consello Reitor da Axencia Galega dás Industrias Culturais (Agadic) presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e serán publicadas no Diario Oficial de Galicia nos próximos días.

A convocatoria para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega destinará 260.000 euros a impulsar a actividade desta industria xa desde o proceso previo á produción e rodaxe de novas longametraxes cinematográficas e produtos televisivos en distintas modalidades.

Por medio das bases para a asistencia a foros e mercados do sector audiovisual, adxudicaranse 30.000 euros para contribuír aos gastos das participacións levadas a cabo neste tipo de certames, realizados fóra de Galicia, entre o 1 de decembro de 2019 e o 15 de marzo de 2020.

O financiamento dos desprazamentos producidos con anterioridade á emerxencia sanitaria tamén é o principal obxecto da terceira das liñas aprobadas, dirixida á distribución das industrias culturais por un valor de 300.000 euros (150.000 para espectáculos de artes escénicas e outros 150.000 para concertos de música). Neste apartado, poderanse presentar os gastos realizados entre o 1 de novembro de 2019 e o 12 de marzo de 2020, sempre que cumpran os requisitos estipulados.

CONTINUIDADE CON NOVOS PRAZOS

Este tres novas convocatorias súmanse ás xa publicadas pola Xunta con anterioridade ao estado de alarma e que viron a súa tramitación interrompida, cuxos procedementos se retoman agora con prazos ampliados.

Así, o pasado venres 15 publicouse no DOG a continuidade da resolución de subvencións á creación escénica, dotada con 800.000 euros, que estende o seu prazo de recepción de propostas ata o 4 de xuño.

Do mesmo xeito, esta semana faranse públicos os prazos ampliados para a presentación de proxectos de produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego, que adxudicará 2.500.000 euros á realización de longametraxes, curtos e formatos específicos para televisión. Está previsto que o DOG do mércores 20 recolla que o novo prazo terminará o 18 de xuño.

Tamén aumentará o prazo de recepción de orixinais aos premios de escritura dramática XXV Álvaro Cunqueiro, XI Manuel María e XIV Barriga Verde. Os candidatos poderán enviar as súas pezas teatrais inéditas ata o 6 de xullo.

Videoconferencia Consello Reitor Agadic.. Xunta de Galicia
Videoconferencia Consello Reitor Agadic.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta