O Goberno elimina o requisito académico para recibir bolsas, que se outorgarán pola renda familiar

O orzamento para bolsas e axudas ao estudo aumentará en 386 millóns o próximo curso, o que supón un incremento do 22%.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/05/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

O Goberno eliminou o requisito académico que implantou o Partido Popular en 2012 para recibir unha bolsa por parte do Estado, e desde o próximo curso estas axudas ao estudo concederanse atendendo á renda familiar do estudante. Ademais, o Executivo aumentará o orzamento para bolsas en 386 millóns de euros, o que supón un incremento do 22%, "o máis importante do últimos dez anos", segundo subliñou.

Selectividade
Selectividade | Fonte: Europa Press.

Con este aumento, apuntan desde o Goberno, o sistema estatal de bolsas e axudas ao estudo contará con máis de 1.900 millóns que poderán beneficiar a máis de 600.000 estudantes o próximo curso. O aumento do investimento permitirá incrementar en 100 euros a contía fixa de cada bolsa para os universitarios de Grao e Máster.

Tamén recibirán 100 euros máis os estudantes que obteñan unha bolsa de residencia fóra do seu municipio e os que se beneficien da bolsa básica en ensinos non universitarios, máis de 500.000 en total segundo os cálculos do Goberno. "No caso de que a persoa reúna requisitos para ambos os tipos de bolsas, as contías serán acumulativas e non excluíntes", segundo precisa o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

Coa eliminación do requisito académico, un aprobado no curso anterior será suficiente para optar ás bolsas. "Con esta medida revértese o criterio introducido en 2012, que endureceu os requisitos académicos e deixou fóra do sistema de bolsas a moitos estudantes que carecen de medios económicos para continuar os seus estudos", explica o Ministerio dirixido por Isabel Celaá, encargado de outorgar estas axudas.

Deste xeito, redúcese do 5,5 ao 5 a nota para acceder ás bolsas nos ensinos non universitarios, mentres que para estudos universitarios de Grao será necesario ter aprobado unha determinada porcentaxe de créditos. A medida permitirá que máis de 60.000 estudantes, 54.000 deles universitarios, poidan acceder o próximo curso a unha bolsa para a que non cumprían os actuais requisitos.

Ata agora mantíñase o sistema de bolsas aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2012 que divide as axudas en dúas partes: unha fixa (un mínimo de 1.600 euros para cada estudante) e unha variable (que vai desde os 60 ata os 1.500 euros por alumno). Esta última depende do as notas obtidas e a súa renda familiar, entre outros factores e tamén depende do orzamento que queda despois de repartir a parte fixa.

Coa reforma anunciada polo Goberno, os estudantes que acceden á universidade terán dereito a unha bolsa completa, que cobre o custo de matrícula máis unha contía fixa e outra variable, cun 5 de nota. Nos cursos posteriores, o requisito académico redúcese. Por exemplo, os alumnos de carreiras técnicas e científicas terán que aprobar o 65% dos créditos matriculados para conseguir unha bolsa completa, cando ata agora se esixía o 85% ou un 65% con máis de 6 de nota media.

Nas titulacións sanitarias, o requisito de créditos aprobados redúcese do 100% ao 80%, mentres no resto de carreiras baixa do 100% ao 90%. Todos estes cambios duplicarán o número de beneficiarios dunha bolsa completa na etapa universitaria, pasando de 89.376 a 175.945 no caso de estudiantado de Grao e Máster, destacan desde o Ministerio de Universidades de Manuel Castells.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta