O número de pacientes ingresados con COVID en UCI de hospitais galegos baixa a 15

As áreas de Pontevedra e Ferrol seguen sen pacientes de coronavirus en coidados críticos.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 19/05/2020 | Actualizada ás 14:04

Comparte esta noticia

O número de pacientes con coronavirus ingresados en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de hospitais galegos baixou ata os 15, dous menos que hai un día, mentres que hai outras 92 persoas ingresadas en unidades de hospitalización convencional (unha menos que hai un día), segundo os datos trasladados este martes pola Consellería de Sanidade.

Entrada en Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por casos de coronavirus
Entrada en Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por casos de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Así, na área sanitaria de Vigo permanecen 4 pacientes con COVID en coidados críticos, 3 no Hospital Álvaro Cunqueiro e un en Povisa; e outros 15 pacientes 'en planta' (6 no Álvaro Cunqueiro, 8 en Povisa e un en Vithas Fátima). Outras 309 persoas recupéranse nos seus domicilios, e o número de altas ascende a 1.779.

Na área sanitaria de Santiago e A Barbanza tamén hai 4 persoas con coronavirus na UCI (3 no Hospital Clínico e un na Rosaleda), así como 25 ingresados noutras unidades de hospitalización (16 no Clínico, 4 na residencia integrada Porta do Camiño, 3 no Hospital da Barbanza e 2 na Rosaleda). Nesta área xa se curaron 1.487 persoas.

Na área de Lugo, A Mariña e Monforte, hai unha persoa menos que hai un día na UCI, de modo que son 3 os casos nesta unidade do Hospital Lucus Augusti; a eles súmanse outros dous pacientes, ingresados 'en planta' no mesmo hospital. Así mesmo, hai 67 casos en seguimento domiciliario e o número de curados é de 831 persoas.

Na área de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras hai dous pacientes na UCI (un menos que hai un día) do Hospital Universitario de Ourense, e outras 27 persoas 'en planta' (21 no Hospital de Ourense, 5 no de Valdeorras e unha no de Verín). A elas súmanse outras 161 persoas con seguimento domiciliario, mentres que o número de curados ascende a 1.650.

Na área sanitaria da Coruña e Cee seguen na UCI dous pacientes con coronavirus (no Complexo Hospitalario Universitario), así como 22 pacientes ingresados en unidades convencionais de hospitalización (19 no CHUAC, 2 no Hospital Modelo e un no centro Quirón Saúde).

Na área de Ferrol non hai pacientes en UCI, aínda que hai 3 pacientes 'en planta', e faise seguimento domiciliario en 28 casos, mentres que se curaron 530 persoas.

Na área de Pontevedra e O Salnés non hai pacientes con coronavirus nos hospitais (nin en UCI nin 'en planta'), faise seguimento a 56 persoas nas súas casas, e os pacientes recuperados suman 794.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta