Galicia pide axudas ao Estado para a frota con perdas a pesar de manter a actividade

A conselleira do Mar avanza que a Xunta está a estudar medidas para responder a esta problemática.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2020 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, demandou ao Estado que se "comprometa" a habilitar axudas para a frota que, a pesar de manter a súa actividade, tivo perdas durante a crise do coronavirus de forma que se arbitren "non só para unha parada temporal, se non para poder compensar aquela frota que se mantivo en actividade", dixo tras unha reunión por videconferencia, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, con representantes do sector marítimo-pesqueiro da provincia da Coruña para analizar a situación da cadea mar-industria como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.

A titular de Mar agradeceu o esforzo da Unión Europea para flexibilizar "ao máximo" o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) co obxectivo de que todos os profesionais do sector poidan beneficiarse del, pero lamentou o posicionamento do Goberno central.

"Boto en falta un compromiso maior por parte do Estado á hora de compensar esas axudas á frota que estivo operativa durante a pandemia e que, con todo, pola caída de prezos, estiveron máis ben perdendo diñeiro", dixo tras o encontro.

Por outra banda, explicou que a Administración galega está a estudar a maneira de "cubrir esa dificultade" dos profesionais do sector.

MEDIDAS DA XUNTA

A videoconferencia co sector marítimo-pesqueiro coruñés serviu para analizar a situación derivada da alerta sanitaria polo coronavirus e tamén para facer balance das medidas adoptadas por parte da Administración galega para apoiar o sector.

Entre elas atópanse a flexibilidade no pago das taxas nos portos de titularidade autonómica, as liñas de avais para empresas habilitadas a través do Igape ou a campaña 'Merca produto fresco do mar'.

"Temos que agradecer aos milleiros de mulleres e homes que estiveron de maneira continua saíndo ao mar, dando resposta á súa consideración como sector esencial para abastecer o mercado de produtos de calidade", incidiu a conselleira tras a reunión.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro,manteñen unha reunión con representantes do sector pesqueiro coruñés. XOÁN CRESPO
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro,manteñen unha reunión con representantes do sector pesqueiro coruñés. XOÁN CRESPO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta