Cambiará tamén a situación laboral dos traballadores do turismo e da hostalaría tras a COVID-19?

As medidas de desescalada permiten o uso das terrazas, bares e outros espazos de hostalaría baixo unhas medidas que restrinxen o número de persoas por local. Algúns representantes dos traballadores do sector cren que algunhas destas medidas deberan aplicarse xa antes da pandemia. Eles e elas mesmas cren que nada debera quedar igual a antes da COVID-19, comezando pola precariedade laboral que vive o sector.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/05/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia non é un lugar considerado de “sol e praia”. Pola contra si é un lugar de gastronomía, enoloxía, turismo rural e visitas a cidades e vilas do Camiño. Este último é un dos principais motores turísticos en Galicia e ante o temor dun afundimento de visitas para o Ano Xacobeo de 2021, xa son numerosas as voces que piden unha prolongación de cara o 2022. Con todo, que pode cambiar dentro da hostalaría cando pase a COVID-19?

Volta tranquila ás terrazas © Miguel Núñez
Volta tranquila ás terrazas © Miguel Núñez

ERTE, COBERTURAS, AXUDAS, PAN PARA HOXE, FAME PARA MAÑÁ?

A cobertura por ERTE para empresas, as axudas para o empresariado autónomo e o 70% da base reguladora para os e as traballadoras, son algunhas medidas tomadas polo Goberno central. Dentro da hostalaría e desde a perspectiva dos representantes sindicais, o problema de fondo é que “estamos ante unha masificación turística, unha burbulla que pode estourar” di Leo Cruz da CUT hostalaría. “Non nos parece de recibo que desde o comezo da pandemia se recorrese ao ERTE express sen garantías de que se puidesen xestionar 4 millóns de expedientes”.

A sensación é que o Goberno central quería evitar un conflito social sen precedentes. “Os ERTE son un amortecedor da crise sanitaria porque permite seguir pagando aos traballadores”  sinala Lucía Trenor, de CCOO Servizos. Trenor o que non entende é a postura dalgúns sectores da patronal cando critican as medidas do Goberno cando “quedas exonerado de pagar as cotizacións dos traballadores”.

As medidas do Goberno son insuficientes, ademais, a clase traballadora enfronta unha rebaixa salarial importante coa aplicación dos ERTE” sinala Roberto Alonso, de CIG Servizos. A cuestión para Alonso é que a rebaixa salarial traerá en paralelo unha caída do consumo e isto, finalmente, redundaría nunha situación de inestabilidade económica.

Terrazas cheas en Vigo
Terrazas cheas en Vigo | Fonte: c Miguel Núñez

“Temos unha patronal moi chorona” di José Antonio Boullosa, UGT. “Xa costou que en Ourense e Lugo aceptaran o salario base de 950 euros e na provincia da Coruña o convenio leva dous anos paralizado”. Esta actitude “chorona” da patronal para Boullosa é sintomática da necesidade de cambios dentro do sector, cambios laborais, salariais e sociais.

En tal caso, os ERTE así como a obriga de preservar seis meses o posto de traballo, non son garantía de futuro, polo que se deduce do que din os sindicatos. Agora mesmo, as circunstancias a curto e medio prazo non ofrecen ningunha seguridade laboral aos e ás traballadoras do sector. Mesmo estando diante das portas do Xacobeo 2021.

UNHA BREVE DESCRICIÓN

A día de hoxe aínda hai un gran número de persoas que seguen sen cobrar os seus ERTE. Hai quen apunta que a Xunta estendeu o período de verificación dos ERTE e ve nisto unha manobra nada clara. E mentres, os países da UE teñen acordado fondos para a reconstrución logo da pandemia, mais deixará as cousas como estaban?

“Pelexan polo pastel do turismo, no caso do Xacobeo 2021 unha posible ampliación ao 2022 teríase que ver baixo que condicións laborais se fai” di Leo Cruz, quen ve nesa hipotética ampliación unha extensión temporal dunha precarización laboral que dá por sentada durante o 2021. “Contratacións por días, por horas, a calidade de vida dos e das traballadoras baixará dentro dun mercado laboral escravizante”.

“Non esquezamos o costume de pagar en B parte do salario, que impediu a moitos e moitas traballadoras incrementar as cotizacións” di Lucía Trenor. E non é esa a única mala praxe, pois como di José Antonio Boullosa, a actual situación pode vir ben para que “haxa máis control e así os establecementos ilegais ou que incumprían a lei acaben pechando”.

CONSECUENCIAS

Os sindicatos cren que efectivamente, a actual situación pode peneirar un sector onde abundan os pequenos negocios de autónomos, moitas veces case que no límite da lei en canto medidas de hixiene e seguridade laboral. Xunto a isto, o control de aforo e o control de horarios son tamén cabalos de batalla que empregados e empregadas levan décadas pedindo.

“O turismo non vai vir como noutros anos, polo menos neste verán” di Boullosa. A situación en que quede o sector dependerá da súa capacidade de adaptación. “Algúns pequenos e medianos quererán seguir aplicando a lei da selva, con locais inadecuados”. Non obstante e aínda que recorran a prezos e salarios baixos, Boullosa estima que en Galicia o número de locais acabe baixando a máis da metade.

“Estamos preocupados porque non sabemos se as liñas de axuda poderán continuar para as pequenas empresas” di Lucía Trenor ou se “haberá máis medidas para protexer á maioría”. Lucía espera cambios de actitude desde a patronal sobre todo en cuestión de diálogo. Xunto a iso, o respecto ao salario mínimo e sobre todo, aumentar a inspección laboral coa incorporación de máis persoal.

“Temos os empresarios que queren todo e os que queren calidade de cara o futuro” segundo Roberto Alonso. A cuestión é que unha vez superada a desescalada, en caso de recuperación dos postos de traballo, as empresas hostaleiras poderían rebaixar salarios. Isto afondaría máis a diferenza salarial “entre as camareiras de cuartos en hoteis e outros empregados” di Alonso, en referencia a un sector feminizado e con condicións laborais moi duras.

O estado das cousas que pode quedar será algo semellante a un ambiente onde “só as grandes compañías e grandes hoteis e restaurantes podan competir” di Leo Cruz. Así desta maneira, se non hai unha revisión do sector, é posible que, como conclúen as fontes sindicais consultadas, poda quedar só un oligopolio repartindo a torta do turismo en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Vacunin

Os empresarios de hostalaría non teñen escrupulos. A situación dos traballadores foi sempre de escravismo moderno. Se cambia proablemente será para peor

1 non o vexo¡¡

Bueno tamén cambiará a situación de tódalas feiras internacionáis que se celebran en Galicia, Congresos Internacionáis, Celebracións de eventos deportivos internacionáis, o congreso mundial de tecnoloxía movil, tódalas reunións tecnolóxicas no sector do automovil que se celebran en Galicia.... buf non imos dar abasto en Galicia¡¡¡¡¡