O número de falecidos pola COVID-19 ascende a 608 en Galicia logo da morte dun home de 81 anos no CHUAC

As mortes contabilizadas son 476 en atención hospitalaria e 132 no interior de residencias de maiores.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/05/2020 | Actualizada ás 13:43

Comparte esta noticia

O número de falecidos con coronavirus en Galicia incrementouse ata os 608 este mércores, despois de que Sanidade informase da morte dun home na área sanitaria da Coruña, e tras dúas xornadas nas que non se notificaron decesos.

Así, a Consellería de Sanidade confirmou que, nas últimas horas, faleceu un home de 81 anos de idade diagnosticado de coronavirus, e que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Era un home que padecía patoloxías previas.

Con esta morte elévanse a 608 as vítimas mortais do coronavirus en Galicia, 476 en atención hospitalaria e 132 no interior de residencias de maiores.

Por áreas sanitarias, na Coruña notificáronse 127 mortes, na de Ourense 101, na área sanitaria de Vigo 91, outras 85 na área sanitaria de Santiago, 30 na área de Ferrol, 26 na de Lugo (dúas delas en atención domiciliaria) e 16 na área sanitaria de Pontevedra.

Un sanitario realiza un test da Covid19 a unha persoa no Meixoeiro © Miguel Nuñez
Un sanitario realiza un test da Covid19 a unha persoa no Meixoeiro © Miguel Nuñez

PACIENTES EN UCI

O número de pacientes con coronavirus nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) de hospitais galegos repuntou lixeiramente e este mércores, segundo trasladou Sanidade, sitúase en 16 (un máis que hai un día), aínda que descenderon os pacientes en unidades de hospitalización convencional (de 92 a 79).

Na área sanitaria de Vigo permanecen 4 persoas con COVID na UCI, 3 no hospital Álvaro Cunqueiro e unha en Povisa, mentres que outras 8 persoas están ingresadas 'en planta' (2 no Álvaro Cunqueiro, 5 en Povisa e unha en Vithas Fátima). Así mesmo, 278 casos teñen seguimento domiciliario e o número de persoas curadas é de 1.821.

Na área de Santiago e Barbanza, o número de pacientes en coidados críticos tamén é de 4, e outras 25 persoas permanecen en unidades de hospitalización convencional (16 no Hospital Clínico, 4 na residencia integrada Porta do Camiño, 3 no Hospital da Barbanza e 2 na Rosaleda). O número de altas epidemiolóxicas é de 1.502.

Na área da Coruña e Cee aumentou nunha persoa o balance de casos en UCI, todos eles no Complexo Hospitalario Universitario (CHUAC), e outras 19 persoas están ingresadas 'en planta': 16 no CHUAC, 2 no Hospital Modelo e unha no centro Quirón Salud.

Na área de Lugo, A Mariña e Monforte, mantéñense 3 pacientes en coidados críticos do Hospital Lucus Augusti, e queda unha persoa 'en planta' do mesmo hospital. Así mesmo, 65 persoas recupéranse nos seus domicilios, e o total de altas epidemiolóxicas elévase a 837.

Na área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, hai 2 pacientes ingresados en UCI e 22 en hospitalización convencional (17 no Hospital Universitario de Ourense e 5 no Hospital Comarcal de Valdeorras). Outras 147 persoas teñen seguimento nos seus domicilios, e o número de persoas que superaron o coronavirus é de 1.676.

Na área de Ferrol, permanecen hospitalizados 4 pacientes con COVID, aínda que ningún na UCI. Hai outros 25 casos en seguimento domiciliario e 540 altas epidemiolóxicas.

Finalmente, a área sanitaria de Pontevedra segue sen pacientes hospitalizados con coronavirus, aínda que hai 51 casos en seguimento domiciliario. O número de persoas recuperadas é de 802.

RESIDENCIAS

Os casos de coronavirus en residencias de maiores de Galicia volveron a descender, segundo a información notificada este mércores pola Consellería de Política Social, que sitúa en 98 os usuarios afectados (24 menos que ata hai un día) e en 83 os traballadores (12 menos).

Así, as mesmas fontes sinalaron que, nas últimas horas, deuse o alta por curación a 27 usuarios de residencias, aínda que se rexistraron novos positivos nalgúns centros xeriátricos. Así mesmo, recibiron o alta 12 traballadores destas residencias.

Segundo a última actualización, a residencia Santa Teresa Jornet segue sendo a máis afectada, con 23 casos de coronavirus entre os seus usuarios, seguida pola residencia San José Hermanitas de Ourense, con 11 casos. A residencia Caser A Zapateira ten 8 usuarios infectados e as residencias DomusVi Matogrande e DomusVi Cangas rexistran 7 casos.

Séguenlles a residencia Orpea da Coruña con 6 casos; Divino Mestre e Concepción Arenal, con 5 casos cada unha; e O Portazgo, con 4 casos.

CENTROS DE ATENCIÓN A DISCAPACITADOS

Con respecto aos centros de discapacitados, 7 usuarios recibiron a alta pero o balance arroxa 6 casos menos, ata os 27, debido a que se rexistrou un positivo a maiores na residencia Amicos.

Entre os traballadores destes centros deuse unha alta, aínda que hai dous novos positivos (en Amicos e no CAPD da Coruña), polo que o total de casos é de 17.

Segundo a última actualización de Política Social, o centro con maior número de usuarios afectados é a residencia para discapacitados DomusVi Bóveda, con 10 casos; seguida do CAPD da Coruña, con 9 casos e a residencia Monterrei-San Rosendo, con 5 casos.

En canto aos traballadores, o maior número de afectados correspóndese aos CAPD da Coruña e Redondela, con 5 casos cada un, mentres que hai 3 traballadores afectados na residencia DomusVi Bóveda e 2 na residencia Monterrei-San Rosendo.

ESTUDO SERGAS

O estudo de seroprevalencia do Sergas ratifica que o coronavirus COVID-19 circulou pouco por Galicia, cunha prevalencia do 1,15 por cento, con Ourense como a provincia con maior porcentaxe, 1,88%, e A Coruña co menor, 1,07%. Así, a Consellería de Sanidade estima que "30.000 galegos están inmunizados", deles 17.000 mulleres e 13.000 homes.

Deste xeito informárono na rolda de prensa telemática de presentación do 'Estudo de seroprevalencia fronte ao COVID-19 en Galicia' o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez; o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada.

En concreto, apuntaron que a prevalencia do virus entre a poboación galega aumenta conforme se incrementa a idade, polo que sitúa no 0,56% entre os galegos de 0 a 18 anos; sobe ao 1,09% entre os 19 e 64 anos e aumenta ao 1,64% entre o colectivo maior de 65 anos.

Por áreas sanitarias, a de maior prevalencia é a de Ourense, co 1,88%; seguida da de Vigo, co 1,64% e as de Pontevedra e Santiago, con máis dun 1%; mentres que a da Coruña sitúase como a de menor.

En canto aos concellos de máis de 50.000 habitantes, Vigo sobresae cun 2,08% de prevalencia, que xustifican na densidade de poboación e na cantidade de persoas que acoden a traballar; seguida de Ourense (1,8%), Pontevedra (1,24%) e Santiago (1,1%), coa Coruña, Lugo e Ferrol á cola, con menos dun un por cento. Por comarcas, a do Barco de Valdeorras sitúase á cabeza, como "única que supera o tres puntos de prevalencia", afirmou Paz-Ares.

O test da primeira onda para o estudo autonómico de seroprevalencia, iniciado o 23 de abril, concluíron o pasado 8 de maio para analizar a circulación do virus SARS-Cov2 na Comunidade galega, na que o Sergas contactou cunha mostra 50.925 participantes na mostra. E o Sergas asegurou que a segunda onda prevista farase "cando toque".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta