Teletraballar e coidar, a falacia do século XXI: "A conciliación está sendo un caos"

A pandemia pon de relevo problemas que a sociedade xa viña arrastrando tempo. Náyade, Ana e Leonor son tres mulleres nais e traballadoras que relatan o seu día a día tratando de conciliar o teletraballo e a educación das crianzas. Unha "encrucillada irresoluble".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Se ben a conciliación xa era unha materia pendente moito antes da chegada da Covid, esta crise está evidenciando aínda máis todas esas pezas do sistema que non funcionan. Conciliar a familia e o emprego na anterior normalidade supoñía, directamente, "renunciar a ti", e agora, cunha pandemia que deixa a cativada sen escola, que provoca horarios en completo desorde e que obriga a traballar na mesma mesa na que se xanta ou no mesmo espazo no que a túa crianza reclama constante atención, o sistema acaba por colapsar.

Un neno estuda e fai os deberes en casa coa axuda da súa nai. Eduardo Parra - Europa Press
Un neno estuda e fai os deberes en casa coa axuda da súa nai. Eduardo Parra - Europa Press

Cando buscas no dicionario da Real Academia Galega o que significa o verbo "renunciar" aparece a seguinte explicación: "Prescindir do dereito a unha cousa". Deseguido, engádese un exemplo de uso desta palabra: "Renunciou á súa carreira polos fillos". Se nos paramos a pensar, seguro que nos veñen á cabeza familiares, veciñas ou amigas - en feminino, o máis probable - que fixeron iso mesmo. O sistema de conciliación falla dende o momento en que unha muller se ve obrigada a renunciar a algo polos coidados -non sempre dos fillos e fillas, tamén doutras moitas persoas- e dende o momento en que a sociedade prima o traballo e os ingresos económicos por riba de calquera outra cousa.

Elena Borrajo, psicóloga no Centro Alén, de Atención Psicolóxica á Infancia, define como unha "falacia do século XXI" a idea de que o teletraballo permite unha mellor conciliación. "Os nenos non se crían no tempo libre, criar é unha actividade en si mesma", sentenza. E prosegue: "O día que recoñezamos que sacar un ser humano adiante é unha tarefa dignísima que merece recoñecemento económico, temporal e social, teremos unha poboación máis sa mentalmente, de mozas e mozos equilibrados e positivos, e familias menos sobreexplotadas e menos estresadas preguntándose por que non son capaces de resolver esta encrucillada. Xa lles digo: non poderán resolvela, é irresoluble". 

A SENSACIÓN DE NON PARAR

Resta con achegarse a unhas cantas historias reais para comprobalo de primeira man. Leonor Díaz, unha traballadora autónoma que construíu o seu propio negocio en Compostela, a tenda-taller Como pez en el agua, tivo de readaptar totalmente o seu esquema de traballo coa chegada do confinamento. Así, trasladou a metade do obradoiro da súa tenda á casa, concretamente, ao seu salón. Non ten a luz adecuada, nin a cadeira máis cómoda, nin unha mesa apropiada para o seu traballo. Á hora do xantar e á hora da cea, Leonor procede sempre ao mesmo ritual de desmontar todo o taller improvisado para poñer no seu lugar pratos e cubertos.  

Os seus dous nenos pequenos, que aínda van en infantil, "corrican" polo salón mentres ela intenta sacar tempo para traballar. "A conciliación non é realista, é un caos; ao final acabas traballando pola noite, cando xa están durmidos; onte quedei ata a unha da mañá". Ese é o único momento no que Leonor consegue ser máis produtiva - "paréceme que avanzo moitísimo!", di -, xa que en todo o día só pode "sacar catro ou cinco horas" de traballo "ciscadas e constantemente interrumpidas". Acaba "esgotada", recoñece. "Non tes un minuto para ti e só atopas tempo para traballar e para estar cos rapaces". Só unha hora de ioga dos martes e outras dúas de claqué os sábados -que pronto vai ter que deixar- son o seu único descanso. "As miñas horas sagradas!", defíneas ela.

Se tivera que poñer unha porcentaxe ao coidado dos nenos que recae nela, Leonor calcula un 75% fronte ao 25% que dedica o seu home. El leva teletraballando dende moito antes da chegada da Covid e ten na casa "o seu espazo pechado que todos nós respectamos". A que tivo que adaptarse en maior medida a estas circunstancias excepcionais foi ela, que ve o colexio como a meirande saída para poder conciliar. "Parece que volvamos ao de antes: que a solución pase porque as mulleres quedemos na casa coidando dos nenos. A conciliación, en realidade, o que está significando é que renunciemos a horas de traballo, a horas de sono, a horas de ocio...". Leonor está en contacto con moitas nais do seu entorno e a sensación entre todas elas é común: "Non paramos. Xa non parabamos antes, pero agora aínda menos. Imos a mil por hora"

"E coas casas feitas un cristo!", remata por dicir. 

"LOGREI POÑER EN PRÁCTICA O 20% DAS MIÑAS IDEAS"

Náyade Bravo ten unha cativa de tres anos e medio e decidiu emprender o seu propio negocio de venda de bebidas probióticas, Meraki Ferments, cando a súa nena cumpriu o ano. Naquel momento, pensou: 'Isto ten que ser igual para min que para o meu marido. El traballa e eu traballo. Punto', mais pronto se decatou de que as cousas non funcionaba así e de que isto "era máis duro do que pensaba". "Se tes nenos tes que prever que o teu negocio vai medrar moito máis lento, que vas ter que ter reservas, e que vas renunciar a moitas cousas, incluso a ti, polo benestar da túa nena. Póñoche un exemplo cotiá: algún día que me vén a regla e querería estar tirada na cama, ao final acabo indo traballar e adiantando todo o que poida por se a semana seguinte a nena ten febre e non pode ir ao colexio".

Os primeiros días do confinamento, Náyade tomounos "como un parón", pero agora que xa retomou a actividade, chegaron a canda o traballo "moitas frustracións". O seu trátase dun proxecto temperán e que precisa moito tempo que non atopa; ela, de feito, defíneo coma un "fillo" que tamén vén de nacer. "Tiña moitas ideas que quería implementar pero desistín. Ao final lograría poñer en práctica en torno a un 20% de todas as miñas intencións". En horas de 'oficina' tanto para ela como para o seu marido, que neste momento teletraballa na casa, é ela quen se encarga do coidado da nena. "Ás veces deixo que vexa a televisión. Disney era unha palabra que non existía no seu vocabulario e agora pasa algunhas mañás cunha película tras outra, non nos queda outra opción". Estas novas rutinas que impón o traballo sobre os coidados afectan tamén á cativa. "Agora, por exemplo, fáiseme pipí enriba outra vez", conta Náyade. 

"A conciliación é inexistente", sentenza. Náyade traballa coa cativa ao seu carón. "Hoxe reuninme durante toda a mañá e tiven dúas interrupcións", relata. Co seu pai, en cambio, a nena compórtase diferente: "A el non o molesta, séntase no seu colo e queda calada; pero eu acepto esas interrupcións para que ela se exprese, ou chego tarde á fábrica porque ela está con outras cousas e teño que levala comigo... Todo iso crea fricción, porque non vas ao teu tempo, vas ao tempo da nena", explica.

"PARA MIN SÓ QUEDA O TEMPO DE DURMIR"

"Imposible". Ana cualifica destoutro xeito a conciliación. Ela é unha muller separada que traballa como funcionaria e que vive canda ao seu fillo de 12 anos, que sofre un trastorno do vínculo reactivo, isto é, unha desorde na relación coas súas figuras parentais a raíz da súa adopción. A demanda de atención do cativo é constante e intensa. O día de Ana, que prefire manter no anonimato a súa identidade, é aquilo que pasa mentres intenta traballar, mentres atende o neno, mentres fai de comer, limpa, pon lavadoras... "Nunca tantas lavadoras puxen coma agora!", fala ao teléfono, co conto de saír e ter que cambiarse cada dous por tres. Para ela só queda o tempo de durmir. "Podo estar un ratiño lendo ou coller unha peli, pero iso xa sería roubarlle horas ao sono".

Se nunha situación familiar con certa estabilidade, o teletraballo e a conciliación xa se fan moi costa arriba, nun contexto coma este, onde a convivencia resulta "esgotadora", o traballo vólvese directamente "imposible". Agora, unha das preocupacións de Ana está no futuro próximo, na reincorporación ao traballo presencial. Ela sería a penúltima en facelo, calcula que ao longo do mes de xuño. Chegado ese momento, non sabe como ha proceder, porque no seu caso "non é posible tirar de familiares e o cativo tampouco pode quedar só". Sen a escola, o puzzle que moitas familias tiñan encaixado -aínda que a presión-, acaba por desmontarse. As opcións que manexa perante este dilema son buscar un informe que xustifique a súa imposibilidade para acudir ao traballo ou levar o seu fillo con ela para o despacho, cousa que non ve viable por moito tempo.

Polo de agora, Ana traballa na mesa do seu salón. "Teño un desorde en horarios incrible", explica. "Por sorte a carga de traballo é menor, pero non me podo poñer catro horas seguidas nin de broma". Só cando o cativo se anima a cociñar, ela é capaz de sacar "unha de expedientes que non vexas!", relata. Por riba, se o fillo se conecta á wifi, Ana queda sen velocidade suficiente para desenvolverse con axilidade. E cando fala por teléfono por cuestións de traballo, o rapaz comeza a facer cousas extravagantes: "Pinta a parede, abre o grifo do vidé e inúndao todo...". 

Falamos dunha situación "extrema" que chega á agresividade, que precisa de atención profesional e para a que a administración deu "a calada por resposta". De todo o que atravesa, Ana saca unha reflexión fundamental: "Se ao meu fillo lle pasa isto é porque non tivo coidados no seu primeiro tempo de vida, e de aí veñen estas consecuencias. Esta sociedade prima o traballo e os ingresos económicos por riba de todo, pero é importante antepoñer a atención das crianzas se logo queremos que teñan unha autonomía segura e desenvolta sen dificultades", fala dende o maior dos coñecementos.

No entorno que rodea a estas tres mulleres, Ana, Leonor e Náyade, os coidados seguen recaendo nas nais. Urxe unha conciliación real e unha corresponsabilidade comprometida. Urxía antes, e segue urxindo agora, no medio dunha pandemia. E se no canto de nos esforzar por volver á vella normalidade, traballamos por remodelar as súas cimentacións? 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Bernardo

A miña reflexión e sinxela, o marxe da falta de apoio por parte das administracions, onde están as parellas de estas mulleres? Concilian eles?

1 Gamela

Pois que se vaian preparando para o novo curso escolar... porque a ministra Celaá que é das que vive en Neguri e ten servizo doméstico dabondo dende que viu a este mundo, está disposta a facer experimentos reducindo as aulas á metade, día sí e día non, ou xa se verá se poñen en funcionamento unha Educación de Dúas Velocidades (?) https://vientosur.info/spip.php?art... E logo repiten que non van deixar ninguén atrás (?)