A Coruña reduce o límite de velocidade a 30 km/hora na cidade

Trátase dunha actuación "importante dentro da aposta por unha mobilidade sustentable", informa o goberno local.

Por Europa Press / Redacción | CORUÑA, A | 20/05/2020 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

A Xunta de Goberno local do Concello da Coruña aprobou a declaración de 'Cidade 30', "o que significa que a limitación xeral de velocidade na cidade será de 30 quilómetros/hora en todas as vías urbanas, salvo algunhas excepcións", informa o goberno local.

Nun comunicado, tras a reunión da Xunta de Goberno, a alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor esta medida ao sinalar que se "trata dunha actuación importante dentro da aposta por unha mobilidade sustentable".

"O noso plan de mobilidade inclúe outras medidas como a regulación dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), a mellora do transporte público, o uso da bicicleta e a ampliación das zonas peonís", apostilou en relación a unhas iniciativas que perseguen "dar protagonismo" aos peóns e "reducir a sinistralidade", ademais de "coidar o medio ambiente e gañar máis espazos públicos".

Esta limitación entrará en vigor en todas as vías da cidade, coa excepción do eixo das rúas Sánchez Bregua-Juana de Vega Rexedor Somoza-túnel da praza de Pontevedra, que manteñen a velocidade máxima en 50 quilómetros/hora.

As rúas Ramón e Cajal, Fernández Latorre e a avenida de Pérez Ardá ata a rolda de Outeiro tamén seguirán coa mesma limitación. A rúa Juan Flórez conserva a velocidade máxima de 50 quilómetros/hora, excepto o carril dereito, cuxa velocidade máxima permitida será de 30 quilómetros/hora.

Nas rúas con plataforma única en calzada e beirarrúa, a velocidade será de 10 quilómetros/hora, salvo o transporte público, que poderá circular a 20 quilómetros/hora. As novas limitacións de velocidade entrarán en vigor en cada unha das vías "no momento en que se coloquen os sinais", precisa o goberno local.

Tras esta decisión, o grupo municipal do BNG avaliou como positivo a declaración, da que lembra que figuraba no seu programa electoral. Con todo, reclama a adopción de máis medidas, similares ao "modelo" de Pontevedra, para o que propón a ampliación de espazos para os peóns ou o incremento nas frecuencias dos autobuses.

O Concello da Coruña amplía zonas peonís en Catro Camiños e Matogrande. CONCELLO DA CORUÑA
O Concello da Coruña amplía zonas peonís en Catro Camiños e Matogrande. CONCELLO DA CORUÑA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Intelixente medida para favorecer o uso da bicicleta sen ter que realizar obras faraónicas como está a facer Vigo cun retraso de 13 anos pero cunha propaganda abrumadora ! https://twitter.com/00Gamela/status... Sentidiño e todos podemos vivir sen estorbar a ninguén !