A cidade despois da Covid: confinar coches, respectar a natureza e recuperar espazo para a cidadanía

Esta é a aposta que fai Ecoloxistas en acción de cara ao futuro. Ante a posibilidade dun aumento brusco do uso do vehículo privado logo deste parón causado pola pandemia, a plataforma insta a aproveitar este peculiar contexto para repensar os modelos de mobilidade. Neles está a clave para construír cidades sas e sostibles.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Durante as semanas de confinamento, o tráfico interurbano e o tráfico de acceso ás principais cidades galegas diminuiu en tordo ao 70%. Ademais de deixar imaxes insólitas de calzadas e estradas libres de vehículos, este paro case absoluto provocou unha redución da contaminación do 58%. Trátase da maior demostración da correlación entre tráfico e contaminación e sitúanos de novo perante o reto que as cidades deberan asumir no futuro próximo: mudar as pautas de mobilidade, "pacificar o tráfico" e repartir de forma equitativa os espazos públicos.

Atasco de coches entre unha neboeira de contaminación
Atasco de coches entre unha neboeira de contaminación | Fonte: remitida

Paradoxicamente, a saída desta crise podería supoñer un aumento aínda maior do uso do vehículo privado, xa que, segundo explican dende Ecoloxistas en Acción, o coche ofrece unha sensación de seguridade fronte aos contaxios. Isto, á súa vez, provocaría de novo un incremento da contaminación atmosférica e das emisións de gases efecto invernadoiro, ademais da formación de "atascos sen precedentes". "Volveriamos a un escenario de lugares inhabitables e insostibles", resume Ecoloxistas en Acción.

"Se non mudamos a mobilidade, volveremos a un escenario de lugares inhabitables"

CONFINAR O VEHÍCULO

Por iso mesmo, a plataforma insta a "confinar os coches" e recuperar o noso espazo. Como facelo? Cómpre aplicar medidas para diminuír as necesidades de desprazamento, facilitar a mobilidade peonil e ciclista e garantir un transporte público de calidade que ofreza todas as garantías posibles para a saúde e o benestar da cidadanía.

Para Ecoloxistas en Acción, urxe abandonar a lóxica do desenvolvemento que basea a mobilidade na "acumulación de asfalto e formigón" que converte o automóbil no "dono da cidade". Como dato, a plataforma expón que nos últimos 30 anos se duplicou o número de quilómetros que as persoas necesitan percorrer cada día, xa que os coches reclaman cada vez máis espazo e expanden as cidades sen un criterio planificado. "Para volver achegar a cidade á cidadanía temos que cuestionarnos o espazo físico no que se desenvolven os nosos desexos e as nosas necesidades".

SÓ PONTEVEDRA APROBA

"O 80% da rapazada pontevedresa acode andando soa á escola"

Porén, a realidade das nosas cidades atópase lonxe destas políticas e só Pontevedra "aproba, e ademais con nota". A Vila do Lérez mesmo recibiu no ano 2019 o premio concedido pola Unión Europea no Marco da Semana Europea da Mobilidade. Outorgáronllo en recollecemento polo seu modelo de "cidade peonil". Trátase este do único exemplo galego que "acadou pacificar o tráfico" e no que "os seus habitantes saen andar sen medo aos coches". Os límites de velocidade rondan os 10 km/h e os 30 km/h. Un dato a destacar é o de que o 85% da rapazada pontevedresa acode andando soa á escola. Desde Ecoloxistas en Acción teñen claro que o resto de vilas deben poñer as miras en Pontevedra.

ESTANCAMENTO EN VIGO, COMPOSTELA E A CORUÑA

"Vigo leva décadas estancada"

Vigo "leva décadas estancada sen acometer ningunha gran actuación para humanizar as rúas, crear zonas baixas en emisións e desenvolver mobilidade peonil", analiza a plataforma. O Túnel da Porta do Sol-Elduayen, tendo en conta que "non reduce o tráfico senón que o agocha", non é unha solución. Ecoloxistas en Acción pide a súa paralización e a posta en marcha dun traballo colectivo para acadar alternativas de consenso. Tamén urxen a continuidade da senda ciclista Vía Verde entre Urzaiz e Chapela ou fixar como permanentes as peonalizacións decretadas durante o Estado de Alarma. 

Santiago de Compostela tampouco queda atrás no estudo. Segundo indica a plataforma, "ten moita marxe de mellora" xa que carece de aparcadoiros disuasorios que pacifiquen o tráfico de automóbiles na cidade e favorezan o uso do transporte público. "Son imperativas tamén medidas para ampliar zonas de baixas emisións e recuperar a cidade para a cidadanía". Neste senso, Ecoloxistas en Acción propón a creación dun carril-bici que conecte toda a cidade, a limitación do acceso de vehículos ao centro e a estensión de zonas peonís.

A Coruña: un novo Plan de Mobilidade sen aprobar e medidas dos dous anteriores sen implementar

A última gran cidade analizada, A Coruña, mantense cun novo Plan de Mobilidade Urbana aínda por aprobar e con medidas recollidas nos dous anteriores aínda "sen implementar". De cara ao deseño dunha "cidade transitable a pé desde os Castros ata Peruleiro", medidas como a "rolda peonil" ou os corredores verdes contribuirán, di Ecoloxistas, neste sentido. A plataforma tamén urxe a ampliación do número de estacións e bicicletas do servizo público de préstamos e un aumento de frecuencias e baixada das tarifas no transporte urbano. Aposta, igualmente, por enfocar o investimento nun ferrocarril de cercanías na contorna da cidade no canto da ampliación de carrís en infraestruturas viarias.

CARA A CIDADES SOSTIBLES E ADAPTADAS AO ACTUAL CONTEXTO

Ecoloxistas en Acción propón unha serie de medidas para reducir a demanda de mobilidade, facilitar e fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta e potenciar o transporte público. De cara ao primeiro, axudaría "o teletraballo, a compra de proximidade e a administración electrónica", tamén a flexibilidade de horarios para evitar a creación de horas punta e a creación de zonas verdes temporais. 

Reducir os límites de velocidade, ampliar as beirarrúas para facilitar o distanciamento físico, establecer zonas con prioridade peonil, restrinxir a circulación de vehículos e reducir os tempos de espera nos semáforos son algunhas das medidas orientadas a facilitar os desprazamentos a pé. A bicicleta, que tamén fomenta a implantación dun modelo de mobilidade sostible, veríase reforzada se se promoven aparcamentos seguros, se se potencia a intermodalidade entre bici e transporte, ou se se xeran plans de axuda. 

E como potenciar o transporte público? Ecoloxistas en Acción insta a ampliar o número de carrís bus, mellorar a información en tempo real sobre as opcións de transporte ou aprobar unha lei estatal de financiamento e de xestión pública. A raíz desta crise sanitaria faise preciso tamén reforzar a seguridade no transporte público, intensificar as tarefas de limpeza e desinfección, dispoñer de indicacións claras para asegurar que non se supere o aforo recomendado e as distancias de seguridade e dotar o persoal de medidas de prevención e protección.

Por último, Ecoloxistas en Acción pide "reverter o desmantelamento do tren de proximidade" e recuperalo como "servizo vertebrador" do territorio que, ademais, axuda a fixar poboación no rural. 

CAMBIOS NA MOBILIDADE GALEGA ATA O 13 DE MAIO, EN GRÁFICOS

Google mantén unha base de datos actualizada sobre a mobilidade de usuarios a través das opcións de xeolocalización. Deste xeito, compara o número de desprazamentos e o tempo que os usuarios pasan en lugares como tendas de alimentación ou zonas residenciais en comparación con xaneiro e febreiro, cando aínda non se declarara a epidemia. 

Este gráfico mostra o cambio do número de desprazamentos e tempo en cada lugar en Galicia para distintos tipos de lugares:

Aquí concretamente en estacións de transporte:

E aquí concretamente en zonas verdes:

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta