Descende o número de vítimas en accidentes de tráfico en estradas galegas

En Galicia, os servizos de Tráfico despregaron 15.450 sinalizacións vinculadas co estado de alarma. Entre todas, a máis empregada foi "Prohibidas viaxes non xustificadas".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2020 | Actualizada ás 15:33

Comparte esta noticia

As estradas galegas rexistraron 16 falecidos no que vai de ano --18 menos en relación ao mesmo período de 2019-- e con tráfico nas vías da Comunidade que se sitúa ao redor dun 60% do habitual no actual contexto do estado de alarma, segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, cuxo máximo responsable, Javier Losada, apelou á "responsabilidade dos automobilistas" na volta ás estradas galegas durante a desescalada.

Nun comunicado, e tras unha reunión telemática coa coordinadora da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en Galicia, Vitoria Gómez; o responsable do Sector de Tráfico da Garda Civil, Francisco Javier Molano; e o xefe do Centro de Xestión de Tráfico do Noroeste, Ramiro Martínez , incidiu en que, coa desescalada, estase incrementado a densidade na circulación, que se reduciu ao comezo do estado de alarma.

"E por iso é necesario chamar a atención sobre a importancia de respectar as normas de tráfico e extremar a precaución ao volante", asegura tras unha reunión celebrada cos responsables do Tráfico na Comunidade.

Nela, abordaron os cambios no tráfico desde o inicio do estado de alarma o 14 de marzo e trataron as próximas medidas. Segundo os datos achegados pola Delegación do Goberno, a Comunidade suma 16 persoas falecidas no que vai de 2020, 18 menos que a estas alturas do ano pasado, cando se contabilizaban un total de 34 falecidos nos primeiros meses de 2019.

"Esta mellora está vinculada co importante descenso durante a alarma, con apenas 3 vítimas (1 en vías de alta capacidade e 2 en vías convencionais) fronte ás 19 do ano anterior no mesmo período (desde o 14 de marzo ata hoxe)". Ademais, precisa que houbo unha vítima na Coruña, outra en Lugo e a terceira, en Pontevedra.

VELOCIDADE EXCESIVA

"A pesar da escasa circulación temos que lamentar vítimas mortais e iso déixanos moi preocupados", asegura, en base a estas cifras, o delegado do Goberno quen incide en "unha posible velocidade excesiva nos tres accidentes", sinala sobre os falecidos.

"O que nos obriga a volver insistir na necesidade de respectar as indicacións de cada estrada". "Tamén vemos que se mantén a proporción de máis accidentes en vías convencionais, o que nos levará a redobrar esforzos en materia de prevención", apostila.

DESCENSO DE DENUNCIAS

Sobre o descenso da sinistralidade, a Delegación do Goberno remarca que está vinculado con "a notable caída na circulación". Así, apunta que "Galicia chegou a ter unha baixada de máis do 80% na circulación, pero na actualidade a diferenza está en torno ao 40%". "É dicir, as estradas galegas rexistran na actualidade un 60% do tráfico habitual".

Por outra banda, subliña que, durante o estado de alarma, a Garda Civil de Tráfico acumulou 9.620 operativos, nos que rexistrou unha importante baixada de denuncias respecto ao comportamento das persoas que seguen na estrada.

"De feito, o 72% dos delitos contra a seguridade viaria rexistrados están relacionados co permiso de condución, mentres que antes da alarma, a maioría destes casos estaban vinculados ao consumo de alcol, explica.

No entanto, precisa que, ante o previsible aumento da circulación durante a desescalada, prevese que se recuperen as tendencias anteriores. De feito, lembra a sinistralidade segue vinculada á velocidade excesiva e concéntrase en vías convencionais polo que se aumentarán as tarefas de prevención.

Por outra banda, en Galicia, os servizos de Tráfico despregaron 15.450 sinalizacións vinculadas co estado de alarma. Entre todas, a máis empregada foi 'Prohibidos viaxes non xustificadas', con 10.822 veces, a metade en cada un dos idiomas oficiais.

O delegado do Goberno, Javier Losada, mantén unha reunión telemática, con responsables de Tráfico na Comunidade. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, mantén unha reunión telemática, con responsables de Tráfico na Comunidade. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta