Catro anos de prisión por maltrato habitual e agredir sexualmente á súa parella

A Fiscalía tivo en conta as circunstancias atenuantes de drogadicción e reparación do dano, xa que no momento no que ocorreron os feitos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2020 | Actualizada ás 16:45

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial condenou a 4 anos e 9 meses de prisión a M.A.R.T., un mozo acusado de maltratar de maneira habitual e de violar á súa parella durante polo menos catro anos, entre 2014 e 2018, momento no que a vítima logrou contar o sucedido.

O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade entre as partes, polo que o acusado recoñeceu na súa integridade os feitos recolleitos polo Ministerio Fiscal no seu escrito de acusación.

O acusado, M.A.R.T., do partido xudicial de Vilagarcía de Arousa, non quixo declarar ante o tribunal presidido pola maxistrada Nélida Cid.

A Fiscalía tivo en conta as circunstancias atenuantes de drogadicción e reparación do dano, xa que no momento no que ocorreron os feitos o procesado "tiña afectadas as súas facultades intelectivo-volitivas polo consumo de sustancias estupefacientes" concretamente cannabis e cocaína. Ademais, antes da celebración deste xuízo oral o acusado consignou a cantidade de 4.500 euros para o pago da responsabilidade civil.

En virtude do acordo ao que chegaron o fiscal, o avogado da acusación particular e o letrado da defensa, o acusado acepta unha condena de 3 meses de prisión polo delito de malos tratos habituais, ademais de 1 ano de prohibición de comunicación e achegamento á vítima nun radio non inferior a 500 metros.

Polo delito continuado de agresión sexual é condenado a 4 anos e 6 meses de prisión coa pena accesoria de 5 anos de prohibición de comunicación e achegamento á vítima e outros 5 anos de liberdade vixiada.

Por cada un dos 3 delitos de lesións condénano a 20 días de traballos en beneficio da comunidade e 1 ano de prohibición de comunicación e achegamento á vítima nos mesmos termos que xa foron citados.

Por último, polos 2 delitos de coaccións graves a pena imposta é de 6 meses de multa cunha cota diaria de 2 euros e como accesoria 1 ano de prohibición de comunicación e achegamento.

En concepto de responsabilidade civil polas lesións e os danos morais derivados da comisión destes delitos o condenado ten que indemnizar á muller en 4.500 euros.

SUSPENSIÓN DA PENA

A defensa do acusado pediu a suspensión da condena, unha petición á que Fiscalía e acusación particular non se opoñen "a condición de que cumpra co programa específico de tratamento dos malos tratos e leve boa evolución nel e non haxa ningunha regresión", puntualizou o representante do Ministerio Público.

Sobre a suspensión da pena pronunciarase o tribunal na redacción da sentenza que fixará a condena nos mesmos termos nos que se conformou e que será firme sen que contra ela caiba recurso.

FEITOS PROBADOS

Segundo recolle o escrito de acusación e admitiu o agora condenado, durante esa relación que mantiña coa vítima e de forma cada vez máis intensa segundo ía avanzando o tempo, "o procesado exerceu sobre a súa parella constantes actos de violencia psíquica e física, consistentes, entre outros, en insultala e menosprezala, amedrentala con agredila ou dicirlle que ía difundir fotos e vídeos dela de contido sexual, propinarlle labazadas, golpes e patadas, tiróns de pelo", sinala o fiscal, que engade que o facía "co ánimo de controlala e sometela á súa vontade".

O Ministerio Público engade que "en moitas das ocasións nas que a vítima lle manifestaba ao procesado que non quería manter relacións sexuais, este batía a golpes contra ela ata que, normalmente, acababa cedendo por medo ou para que cesasen os golpes".

Inicialmente a Fiscalía pedía penas que sumaban 22 anos de cárcere, por delitos de malos tratos, lesións, coaccións e agresión sexual e unha indemnización de 12.570 euros polas lesións e danos morais causados.

PRIMEIRO XUÍZO NA AUDIENCIA

O deste xoves foi o primeiro xuízo que se celebra na Audiencia de Pontevedra despois dun parón de dous meses por mor da emerxencia sanitaria do Covid-19.

Todas as persoas presentes na sala de vistas tiveron que usar a máscara, por ser o primeiro día obrigatorio, e gardar unha distancia de seguridade nos bancos. O fiscal e os avogados non vestiron a característica toga e os bancos estaban marcados para distanciar ao público.

Debido ao aforamento da Sección Cuarta permitiuse acceder a cinco persoas de público, e polos medios de comunicación a unha fotógrafa, un cámara e cinco redactores.

Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo
Xulgados De Santiago, En Fontiñas. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta