A Policía Local da Coruña controlará a asistencia ás praias logo da afluencia masiva deste martes

Aseguran que a intención é "non desmarcarse das medidas hixiénicas e de protección que se indican" desde as administracións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2020 | Actualizada ás 17:46

Comparte esta noticia

A Policía Local da Coruña controlará de forma presencial a capacidade nas praias a partir do luns, segundo informa tras a reunión que mantivo a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, co persoal técnico municipal desta concellaría e con eldirector da área de Seguridade Cidadá do Concello, Carlos García Touriñán.

O obxectivo da mesma foi "establecer un protocolo de transición sobre o uso das praias co comezo da Fase 2". Estas medidas, que se implementarán desde o luns, día 25, ata o 15 de xuño, serán provisionais "mentres non se publique un protocolo definitivo coas instrucións do Ministerio de Sanidade e da Consellería de Sanidade", explica.

Sobre as mesmas, aseguran que a intención é "non desmarcarse das medidas hixiénicas e de protección que se indican" desde ambas as administracións.

As normas deste protocolo de transición para o uso das praias consistirán en que a Policía Local controlará de forma presencial a capacidade en todos os areais da cidade. No caso de que atopen unha praia cun número desmesurado de persoas, pecharase a entrada desta ata que se controle a situación.

USO DAS CÁMARAS

Haberá un posto principal na coraza do Orzán, desde onde se xestionará a capacidade de todas as praias urbanas da cidade. "Neste caso, os e as axentes empregarán as cámaras do paseo marítimo e a información dos axentes que van a pé para verificar que a capacidade é a correcta e que se poida garantir a distancia mínima de dous metros".

Haberá tamén unha vía única para entrar e saír dos areais. Nas praias de Riazor e de Oza delimitaranse estas vías de acceso e saída cun balado perimetral co fin de evitar a proximidade entre as persoas. Por outra banda, estará prohibido usar as duchas das praias, pero poderanse utilizar os aseos.

A caseta que habitualmente utilizaba Medio Ambiente para actividades de educación ambiental será ocupada para informar as persoas usuarias das medidas de hixiene e control que o concello porá en marcha.

O sistema tamén contará cunha aplicación que informará as usuarias e usuarios do estado da marea e da capacidade da praia en tempo real. Por outra banda, o Consistorio lembra que ata o luns, día 25 está prohibido tomar o sol na praia.

Praias do Orzán e de Riazor, na Coruña, durante a primeira fase da corentena
Praias do Orzán e de Riazor, na Coruña, durante a primeira fase da corentena | Fonte: UC

INÉS REY

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, enxalzou o labor da Policía Local durante as semanas "máis díficiles" desta pandemia, segundo expuxo na visita ao cuartel de Orillamar para recoñecer o labor deste corpo de seguridade.

A visita tivo lugar con motivo da conmemoración do Día da Policía, cuxa celebración foi suspendida este ano pola crise sanitaria. Nela, quixo poñer en valor o traballo dos axentes, dos que subliñou o seu "traballo extraordinario de apoio ás familias confinadas". Tamén destacou que houbo semanas nas que lles deron felicitacións a máis de 60 nenos e nenas, sen deixar de lado "as súas obrigacións".

Por todo iso, encomiou a súa profesionalidade nestes dous meses, á vez que aproveitou o acto para outorgarlle a cada axente unha reprodución de 'Persoa Abandeirada da Milicia Honrada', na que se sitúan as orixes da Policía Local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta