O Goberno lembra que lle "corresponde" á Xunta decidir que municipios terán liberdade horaria

O BOE publica que as familias destes municipios poden pasear xuntas desde este venres e amplíase a distancia ata 5 quilómetros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2020 | Actualizada ás 12:50

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, informou este venres de que "corresponde" á Xunta decidir os municipios, pobos e núcleos de menos de 10.000 habitantes que van gozar de liberdade horaria para moverse sen necesidade de seguir franxas.

Nunha mensaxe a través das redes sociais, Losada sinala que esta medida entra en vigor este venres no marco da desescalada fronte ao coronavirus, polo que apunta que o Goberno galego debe fixar onde se vai levar a cabo e comunicarllo ás poboacións que se beneficiarán.

Así mesmo, pide que os cidadáns saian "coa garantía" de manter as distancias de seguridade, así como co uso de máscaras.

Precisamente, o pasado luns na proposta que enviou a Xunta ao Goberno para pasar á Fase 2 da desescalada tamén se solicitaban "aclaracións" para os aspectos de mobilidade nos concellos de ata 10.000 habitantes.

MEDIDAS NO BOE

Os membros dunha familia que residan no mesmo domicilio poderán saír a pasear xuntos desde este 22 de maio nos municipios españois de menos de 10.000 habitantes. Así o recolle a orde que publica este venres o Boletín Oficial do Estado (BOE) que flexibiliza certas restricións nos termos municipais de menor tamaño, que se atopan aínda en Fase 0 ou Fase 1 do Plan de transición cara a unha nova normalidade.

Segundo inclúe dita orde, no caso dos desprazamentos por parte dos menores de 14 anos, non será de aplicación o límite dun adulto responsable e ata tres crianzas, podendo realizar ditos desprazamentos todos os conviventes no domicilio. Tamén se flexibiliza a distancia para realizar as ditas saídas e que ata agora estaba restrinxida a un máximo dun quilómetro.

Nos municipios de menos de 10.000 habitantes, os desprazamentos poderanse realizar no termo municipal ou, na súa falta, a unha distancia máxima de cinco quilómetros, incluíndo municipios adxacentes, sempre que se atopen dentro do ámbito de aplicación da orde e pertenzan á mesma unidade territorial de referencia.

Tampouco serán de aplicación nestas zonas as franxas horarias para a poboación infantil nin para a práctica de deporte. Na actualidade, as saídas dos nenos podían realizarse en horario de 12 a 19 horas e quen querían practicar deporte entre as 6 e 10 da mañá e as 20 e 23 horas. Estas franxas horarias seguen vixentes nos municipios de máis de 10.000 habitantes.

Así mesmo, para a poboación de ata 70 anos tamén se eliminan as franxas horarias xa que poden realizar a actividade física non profesional ao aire libre en calquera momento fóra das horas comprendidas entre as 10 e as 12 e entre as 19 e as 20 horas, que quedan reservadas aos maiores de 70 anos.

No caso de velorios e enterros, será de aplicación nestes municipios o previsto na orde do 16 de maio que recolle que poidan realizarse, en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou quince persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes. Permitirase a asistencia a lugares de culto sempre que non se supere o cincuenta por cento do seu aforamento.

No caso de bibliotecas, poderán abrirse para actividades de consulta cun terzo do aforamento. As salas infantís e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas.

O delegado do Goberno, Javier Losada, mantén unha reunión telemática, con responsables de Tráfico na Comunidade. DELEGACIÓN DO GOBERNO
O delegado do Goberno, Javier Losada, mantén unha reunión telemática, con responsables de Tráfico na Comunidade. DELEGACIÓN DO GOBERNO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta