Gómez-Reino acusa a Feijóo de ser "un oportunista político" que ten ao seu servizo "unha máquina de propaganda"

O portavoz da coalición Galicia en Común-A Nova Mareas sinala sobre a derrogación da reforma laboral: "Cando se asina algo hai que cumprilo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2020 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

O portavoz da coalición Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, acusou ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de "tentar sacar tallada" política da pandemia ao esgrimir que a situación epidemiolóxica en Galicia é mellor que noutros puntos do Estado pola xestión realizada desde a Xunta.

Este venres nunha rolda de prensa telemática, Gómez-Reino afirmou que foron as medidas de "contención" impostas polo Goberno as que tiveron "innegables éxitos" na loita contra a expansión do virus.

"Feijóo é un oportunista político. O que ten ao seu servizo é unha máquina de propaganda", remarcou o tamén deputado no Congreso, que acusa o mandatario popular de "facer política mentira" e "tentar apropiarse" do "éxito" das medidas de confinamento implantadas desde a Administración central.

Para Gómez-Reino, a "táctica" de Feijóo "é unha parte máis" da estratexia de "desgaste" ao Goberno estatal por parte dos seus compañeiros de partido Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso e tamén do líder de Vox, Santiago Abascal, quen "xa dixo que está disposto a ser a muleta" do PP galego na Xunta.

PRECAMPAÑA CON XUNTA DE "PARAUGAS"

Segundo o de Podemos Galicia, Núñez Feijóo lanzou esta semana "unha precampaña perfectamente preparada baixo o paraugas da Xunta" con varias visitas a explotacións agrarias "anunciando medidas que Galicia en Común e o conxunto da oposición lévanlle reclamando semanas".

Neste sentido, lamentou que "case unha semana despois" da convocatoria oficial de eleccións "siga sen haber garantías" de que o proceso "poida celebrarse con garantías democráticas e sanitarias".

"Esta semana Feijóo estivo escondido e reapareceu martes e xoves en actos de precampaña amparado en visitas a Curtis e Sarria que non teñen outro obxectivo que o electoral", incidiu, para, a continuación, afear que, tras semanas "sen" anunciar medidas para o sector agrario, "agora en precampaña é cando as pon sobre a mesa".

CAMPAÑA ELECTORAL

Cuestionado sobre como expoñen unha campaña electoral que estará marcada polas medidas para evitar contagios, Gómez-Reino lamentou que aínda non exista un protocolo por parte da Adminstración autonómica.

"Cinco días despois non temos unha soa recomendación, esbozo ou proposta por parte da Xunta que, en función das súas competencias, é quen ten que garantir que as eleccións se dean con garantías democráticas e sanitarias", remarcou.

Neste sentido, lembrou que en Euskadi (que tamén celebra eleccións autonómica o 12 de xullo) si se marcaron unha serie de directrices para a campaña e o proceso, polo que esixiu que siga o exemplo e marque xa o protocolo.

Rieda de prensa do portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino. GALICIA EN COMÚN
Rieda de prensa do portavoz de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino. GALICIA EN COMÚN | Fonte: Europa Press

REFORMA LABORAL

O portavoz de Galicia en Común e deputado no Congreso, Antón Gómez-Reino, sinalou que coincide co líder do seu partido e vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, en que debe cumprirse o acordo asinado con EH-Bildu para derrogar a reforma laboral do PP, algo que, como lembrou, xa figuraba no pacto de goberno entre Unidas Podemos e o PSOE.

"Cando se asina algo hai que cumprilo", dixo Gómez-Reino tras ser preguntado nunha rolda de prensa telemática celebrada este venres sobre a polémica xurdida en torno ao acordo dos independentistas vascos co Executivo central.

Gómez-Reino sinalou que a derrogación da reforma laboral do ano 2012 figura no acordo de goberno para a creación do Executivo de coalición entre PSOE e Unidas Podemos, polo que valorou que "se some" a outros actores políticos como "unha forza progresista" como EH-Bildu.

"Coincido, non só con Pablo Iglesias, senón coa inmensa maioría de españois que saben que cando se asina algo hai que cumprilo", remarcou o deputado de Galicia en Común, que puxo en valor o papel da súa compañeira de grupo e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, por "buscar o acordo non só dos sindicatos de clase e maioritarios, tamén da patronal e os empresarios".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Sacar tallada política da Pandemia (?) Está ben falar da palla sen nomear a trabe ! https://twitter.com/00Gamela/status...