Feijóo di agora os problemas que haxa nas praias será competencia dos concellos

Volve criticar ao Goberno central por non ter protocolos para areais, escolas e garderías a pesar das competencias da Xunta nesta materia. Salvador Illa di que Sanidad "non vai financiar" as medidas para a reapertura de praias.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/05/2020 | Actualizada ás 16:11

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu botar balóns fóra sobre a xestión dalgunhas competencias básicas como é a apertura dos centros escolares e garderías infantís ou a regulación das visitas ás praias despois de que nos últimos días recibira numerosas críticas sobre as propostas do Goberno galego nesta materia.

Bañistas nunha praia
Bañistas nunha praia | Fonte: EP

“Sempre quixemos exercer as nosas competencias”, dixo pero insistiu en que “moitas cuestións” dependen do Goberno central. “Hai protocolo para cousas pequenas pero non para cousas grandes”, dixo en alusión as normas impostas polo Executivo central que, con todo, deixou mans libres ás autonomías para regular a apertura dos centros escolares, garderías ou aceso a areais.

PRAIAS

Sobre este último punto, Feijóo tamén eludiu responsabilidades e destacou que limitar os aforos das praias é do Goberno central e o acceso aos areais é dos concellos. En todo caso, xustificou a proposta do seu goberno de sacar “cita previa” para entrar nas praias alegando que foi un consello que se lle fixo a algúns concellos e tomando como exemplo o funcionamento da Praia das Catedrais. “Recibimos numerosas consultas de concellos e propuxemos enriba da mesa o que nós facemos co areal en Ribadeo sen ningún ánimo de obriga, senón como unha ferramenta de axuda”, dixo.

Con todo, destacou que o 99% das praias non necesitarán este sistema porque hai 1.200 km de praia “e non se necesitará limitación de aforo”. “Só algunhas praias urbanas e nese caso serán os municipios os que o teñan que regulalo a través de policías locais, outros parcelando praias, outros a través de internet ou de avisos nas páxinas webs dos concellos”, engadiu. “Desde logo os galegos deben saber que non imos ter problemas por aforos en praias. Se alguén quere crear un problema a Xunta non forma parte dese problema”, apuntou.

EDUCACIÓN

En relación á educación, Feijóo defendeu a apertura de centros para estudantes do último ano de bacharelato e FP “polo ben” dos estudantes e das súas familias” para que, no primeiro caso poidan “superar con éxito a Selectividade” e, no segundo, acabar a FP “e non repetir curso”. Con todo, dixo que a medida é “voluntaria” e tamén criticou ao Goberno central por non ter un protocolo.

ESCOLAS INFANTÍS

Sobre as escolas infantís que seguen sen ter un protocolo de apertura a pesar de que Galicia entra en fase 2 o luns e, xa poderían abrir, Feijóo suliñou que haberá unha xuntanza con directores dos centros a vindeira semana para tomar unha decisións. En todo caso, recoñeceu que hai unha “discusión técnica entre distintas escolas de pediatría” sobre as medidas a tomar. “A situación ten claros e escuros”, concluíu.

AXUDAS PARA AS PRAIAS

Por outra banda, o ministro de Sanidade, Salvador Illa, advertiu de que se non poden cumprir coas medidas estipuladas para a reapertura das praias, os cidadáns non poderán usalas a pesar de estar nunha zona en fase 2, e aclarou que o seu Ministerio "non vai financiar" este custo, xa que corresponde ás comunidades autónomas ou os municipios.

"A orde ministerial que contempla a fase 2 establece unhas medidas para a apertura de praias que teñen que cumprirse, naturalmente. Se hai imposibilidade para adoptar esas medidas que figuran na orde, as praias non poden usarse. O Ministerio de Sanidade non vai financiar isto senón que corresponde, en todo caso, ás comunidades autónomas ou aos propios municipios", indicou este venres Illa en rolda de prensa desde A Moncloa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Son cojonudos... refírome aos Ministros da Cunquiña (?) Eu largo un Decreto e unha Orde Ministerial e logo que a cumpran ou que non a cumpran é cousa deles (e senon quedan sen liberdades!) // Estas son as consecuencias de votarlles 70 días de Estado de Alarma: colleron o costume do Ditador: así se escrebe, así se cumpla !!! E quen non acate, MULTA que te criou !!! FDP.