O Ministerio de Sanidade rexeita permitir a mobilidade por toda Galicia na fase 2

A Xunta insistirá ao Goberno central en que se permita aos cidadáns moverse entre as catro provincias.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/05/2020 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O Ministerio de Sanidade rexeitou a petición de mobilidade por toda Galicia que pedira o Goberno galego para a fase 2, na que entrarán as catro provincias galegas a partir deste luns. Así o confirmaron fontes da Consellería de Sanidade.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa
O ministro de Sanidade, Salvador Illa | Fonte: Europa Press

A este respecto, a portavoz do Goberno central, María Jesús Montero, apuntou este venres na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros que "a limitación da circulación das persoas" polo territorio resulta "clave" para "controlar a enfermidade".

Neste sentido, tamén sinalou que a poboación non pode "perderlle o respecto ao virus para non botar por terra" o que se alcanzou " ata agora como sociedade". Na mesma liña tamén se pronunciou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, antes de dar a coñecer as provincias que entraban nesta nova fase.

Illa explicou que as decisións tomadas polo comité do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias responden aos principios de "cautela, prudencia e seguridade" que seguiu o Goberno central ata agora para establecer as restricións e concesións das diferentes fases da desescalada.

Con todo, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo manifestou este venres que "non entende" que o Ministerio de Sanidade non autorizase a mobilidade entre provincias que o Executivo galego xa reclamou para a fase 1, que empezou o 11 de maio.

A pesar de todo, Feijóo tamén asegurou que na videoconferencia que celebrará o domingo xunto ao resto de líderes autonómicos, volverá expor ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, a mobilidade por toda Galicia. Aínda que dixo que na Xunta "non son optimistas" con que isto se autorice, insistiu en que "non hai ningún criterio científico que impida a mobilidade entre as cidades" galegas.

14 DÍAS EN FASE 2

Por outra banda, o ministro Illa valorou "o progreso" de todas as comunidades españolas e explicou que as zonas que pasan á seguinte fase manteranse nela "durante un período mínimo de 14 días a partir do luns" e que nese momento tamén se dará "publicidade aos informes que avalaron o progreso á fase 1 de todas os CC.AA".

Para que as autonomías pasen á seguinte fase e para realizar as alegacións mentres dure o proceso de desescalada, o responsable desta carteira ministerial explicou que "se seguirá o mesmo proceso de cogobernanza" que existiu ata agora entre as comunidades e Moncloa, aínda que as decisións últimas seguen sendo competencia de Sanidade.

CIUDADANOS, A PROL DA MOBILIDADE

A portavoz de Ciudadanos (Cs) en Galicia, Beatriz Pino, asegura que as decisións que está a tomar o Goberno central son "discriminatorias" e súmase ás voces que apuntan que "non ten sentido impedir a mobilidade interprovincial".

A portavoz da formación liberal lamenta que o pase á fase 2 da desescalada das catro provincias galegas non veña aparellada por esta medida que tamén solicita a Xunta.

Así, bota man dos datos do Goberno galego para aseverar que toda Galicia se atopa "nunha situación igual", posto que en 303 concellos xa non hai "transmisión local" da COVID-19. "Hai que adaptar as normas ás circunstancias concretas de cada Comunidade porque non todas están nunha mesma situación", engade.

Ademais, critica "a falta de capacidade de diálogo e negociación" da Xunta co Goberno. En contraposición coloca ao seu partido, posto que "Cs si que demostrou capacidade para negociar con Sánchez e conseguir axudar a traballadores, pemes e autónomos" durante os diálogos para as prórrogas do estado de alarma.

Non en balde, Pino tamén lamenta que o PSdeG e o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, "non fixesen nada" para evitar que o Executivo de Sánchez impida aos galegos moverse libremente por todo o seu territorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Jose antonio

Estoy separado Vivo en silleda con mi pareja actual ,trabajo en ourense y mis hijos tb estan en ourense y no puedo ir con mi pareja a ver a mis hijos ni a mis padres pero puedo tomar unas cervezas con 10 amigos en una terraza ...🙄

1 Gamela

C´s o único que fixo foi votarlle a favor ao Ditador Sánchez 70 días e seguirá votando ata chegar aos 110 días de Prisión Preventiva... En canto a Ministro Mascarillas o que teme non é que lle perdamos o respecto ao virus, o que verdadeiramente temen todos é que lles perdamos o MEDO a eles... por iso seguen aprentando (este debeuno de aprender de Torra!). En canto ao prezo das máscaras deben levar comisión porque onte fun mercarlas a un chino e o prezo foi de 0,50 cada unha (e regaláronme unha para que a puxera ao entrar!) Así que o prezo de 0.96 cts é un roubo institucional !