Así será o regreso ás aulas dos alumnos de 2º de bacharelato e de FP

Os centros prepáranse para recibir o luns o alumnado. A volta ás aulas será voluntaria e parcial na fase II da desescalada, pero aínda falta por concretar a franxa de 0-3 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2020 | Actualizada ás 19:53

Comparte esta noticia

Os centros galegos abrirán as súas portas este luns ao alumnado por primeira vez desde a declaración do estado de alarma en marzo. Este retorno parcial e voluntario ás aulas estará reservado especificamente aos estudantes de 2º de bacharelato e segundos cursos de FP medio e superior.

Libros
Libros | Fonte: Óscar J.Barroso - Europa Press.

O Goberno galego decidiu limitar o reinicio da actividade lectiva a estas etapas con motivo da próxima celebración das probas de selectividade e por tratarse de alumnos de fin de ciclo, como parte das posibilidades incluídas na Fase II do plan de desescalada do Executivo Central.

Os estudantes que cursen estes estudos, tanto en centros públicos como privados, poderán acudir presencialmente para recibir aulas de reforzo ou ben permanecer na súa casa e seguir as clases de forma 'en liña', do mesmo xeito que o resto dos seus compañeiros noutros niveis educativos.

O resto de etapas seguen como ata agora e non recuperarán a presencialidade este curso. A situación é diferente para o caso das escolas infantís galegas de 0 a 3 anos posto que, aínda que non o farán este luns, a Xunta ten pendente adoptar unha decisión sobre se permitirá a súa apertura ao longo desta fase da desescalada que, segundo avanzou o presidente Alberto Núñez Feijóo, tomarase a próxima semana.

A RESPONSABILIDADE, NOS CENTROS

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou este venres a resolución definitiva sobre a incorporación aos centros educativos e o protocolo de seguridade con diversas instrucións para organizar a actividade, a aula ou o transporte escolar, entre outras cuestións.

A maioría do profesorado de 2º de bacharelato terá que incorporarse á actividade presencial, agás aqueles docentes que pertenzan a grupos vulnerables de risco ou os que conten con fillos menores de 12 anos ou dependentes ao seu cargo.çç

A Xunta delega nos centros a tarefa de prever e analizar as necesidades da comunidade escolar que regrese ás aulas e poderán suplir as ausencias con profesores doutros niveis ou solicitar a presenza dun docente substituto, no caso de non haber alternativa.

Ademais dos de 2º de bacharelato, os centros poderán solicitar a presenza de máis docentes para garantir o cumprimento das medidas de protección, que dependerá sobre todo do alumnado que acuda ás clases de reforzo.

No caso de segundos cursos de FP medio ou superior, realizarase un horario de atención presencial aos alumnos sen formación en centro de traballo e a dirección tamén terá que determinar as necesidades docentes para atender aos módulos de formación de adultos.

A actividade na aula poderá ser retransmitida de forma telemática e o resto do corpo docente manterá as clases de forma 'en liña'. A atención aos alumnos poderase realizar desde o domicilio ou desde o propio centro, que de novo poderá requirir a súa presenza en función das necesidades tanto académicas, como de avaliación ou de tipo administrativo.

MÁSCARA OBRIGATORIA

A dirección e o profesorado asumirá á súa vez o peso da organización de grupos, o control do alumnado e a disposición de recursos sanitarios e humanos, como xeles desinfectantes ou panos desechables.

Tanto alumnos como profesores estarán obrigados a usar máscaras no centro, aínda que poderán prescindir delas dentro da aula a condición de que se garantan as medidas de distancia establecidas.

A distancia de dous metros ou a máscara será a tónica habitual nas medidas de seguridade, tanto en aulas como no transporte escolar, e estableceranse quendas de entrada e saída, control de aforamentos e a hixiene e desinfección dos distintos espazos do centro.

Os docentes controlarán os movementos do alumnado tanto na entrada e saída do centro (mediante filas), no interior ou nos recreos. Habilitaranse, no caso de que sexa posible, diferentes puntos para cada nivel educativo, unha zona de entrada e outra de saída ou quendas distanciadas no tempo.

Os centros situarán elementos de sinalización e de información sobre as medidas de seguridade ao longo do inmoble e das aulas, que estarán adaptadas en función da súa capacidade e do cumprimento das medidas de distanciamento interpersoal (dous metros).

A circulación de persoas nos corredores funcionará en dous sentidos, e o profesorado tamén será o encargado de vixiar pola orde do material e a súa desinfección por parte do alumnado. Ademais de medidas de protección individual, haberá dispensadores en diversos puntos do centro, a entrada nas aulas ou os baños, que terán que desinfectarse ao longo do día en varias ocasións.

AFORAMENTO MÁXIMO

A biblioteca contará cun aforamento máximo de 15 alumnos e o préstamo de libros estará permitido, pero as devolucións situaranse caixas identificadas e illadas durante un mínimo de 14 días antes de regresar aos estantes.

Durante os recreos, limitaranse espazos, na medida do posible, para permitir o distanciamento a grupos de 50 alumnos de dous a dous metros.

Doutra banda, os pais poderán acudir durante a fase II aos centros para recoller o material dos seus fillos. Para iso, as direccións habilitarán un modelo organizativo por quendas ou horarios para evitar aglomeracións.

LIBROS DE TEXTO

A devolución e recollida de libros de texto do presente curso poderase realizar ata o 7 de xullo, agás para o caso de ESO (o alumno poderá quedar co manual específico no caso de contar con algunha materia pendente ata o 7 de setembro). En todo caso, será cada centro o que estableza o sistema e a fórmula para a devolución de manuais.

A entrega de libros do fondo solidario do próximo curso realizarase en setembro, preferentemente, tanto para primaria como para secundaria, co fin de deixar un prazo prudencial ao tratarse de elementos que estiveron manipulados.

A pesar diso, os manuais terán que permanecer illados en caixas identificativas durante un mínimo de 14 días antes de iniciar a repartición entre o alumnado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta