A mobilidade dentro da mesma provincia dispárase un 57% a fin de semana tras o paso á fase 1

Os movementos inferiores a dous quilómetros atópanse xa en niveis próximos ao 70% en días laborables respecto da normalidade.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 22/05/2020 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

A mobilidade intraprovincial durante as fins se semana, que é a que se produce dentro da mesma provincia, aumentou un 57% respecto da primeira semana de confinamento, despois de que unha gran maioría dos territorios avanzasen cara á fase 1 do plan de desescalada desde o pasado 11 de maio. Así o reflicten os datos do estudo de mobilidade a través de Big Data, no que traballa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que apuntan tamén a un incremento do 24% da mobilidade durante os días laborais.

Paseo de Samil, en Vigo
Paseo de Samil, en Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

Desta forma, a mobilidade intraprovincial atopábase xa nos días laborables da semana pasada nun nivel do 60% respecto do habitual, fronte ao 55% da semana anterior, e do 52% en fin de semana, en comparación co 42% da semana previa.

Mentres que os territorios que continuaron en fase 0 experimentaron incrementos menos significativos, as provincias que pasaron a fase 1 rexistraron incrementos de ata 28 puntos en fin de semana e de 15 puntos en días laborables.

Pola contra, a mobilidade interprovincial, é dicir, a que se produce entre provincias, aumentou tan só un 5% nas últimas semanas, cun carácter eminentemente laboral dado que son movementos producidos sobre todo entre semana.

MOVEMENTOS INFERIORES A 2 KM

Segundo explica o Ministerio, o aumento máis significativo deuse nos movementos inferiores a dous quilómetros, que, á marxe da fase de desescalada, atópanse xa en niveis próximos ao 70% en días laborables e ao 80% en fin de semana, con respecto á situación de normalidade.

No entanto, este patrón á alza viña rexistrándose desde o 26 de abril, co permiso de paseos á poboación infantil, e desde o 2 de maio, cando se iniciou o permiso de período de paseos e actividades deportivas de forma máis xeneralizada.

Respecto ao medio de transporte utilizado, os dous únicos que presentan cifras superiores ás da primeira semana de estado de alarma e nos que, por tanto, vese reflectido en maior medida o incremento da mobilidade, son o tráfico de vehículos lixeiros, actualmente un 33% respecto da primeira semana, e os trens de proximidade, cun aumento do 45%.

A pesar destes incrementos, os niveis de ocupación medios de todos os núcleos non chegaron ao 20%, aínda que o Ministerio lembra que resulta "esencial" manter e fomentar tanto o teletraballo como o establecemento de quendas, para manter controlados os niveis de ocupación en hora punta.

"En resumo, os datos mostran un tipo de mobilidade que reflicte que nestas fases está a modificarse o motivo do desprazamento e diminuíndo a necesidade de acceder fisicamente ao posto de traballo. E que, por suposto, a limitación de distancia de desprazamentos no estado de alarma e, tamén, a redución de tráfico nas cidades animan aos cidadáns a realizar os seus desprazamentos a pé ou noutros modos de transporte brandos", explica Transportes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta