Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2020 | Actualizada ás 15:24
A Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e Pontevedra foron as cinco cidades galegas que percorreron os vehículos asistentes a 'Caravana por España e a súa liberdade', as protestas convocadas polo partidos ultradereitista Vox este sábado para esixir a "dimisión do Goberno" pola "nefasta xestión da crise sanitaria".
As fontes do partido en Galicia cifran en "centos" os vehículos que asistiron a esta protesta que saíu ás 12,00 horas de diferentes puntos das cidades galegas, así como do resto de capitais de provincia do Estado, e que percorreron o centro urbano enarborando a bandeira española e tamén franquistas. Con todo, as imaxes mostraban que non eran tantos.
Para os manifestantes, que desde os seus coches particulares apoiaron a convocatoria do partido liderado por Santiago Abascal, os "máis de 27.000 falecidos" son unha consecuencia das "neglixencias cometidas polo Goberno" de España, ao que chaman "social-comunista".
Fontes oficiais estimaron que na Coruña os protestantes fóronse sumando "de forma progresiva", en Lugo participaron uns "47 vehículos", uns 100 en Ourense, sobre 150 en Pontevedra e 114 en Vigo. En total, cifran en preto dun milleiro as persoas que se manifestaron en toda Galicia este sábado.
CONTRAMANIFESTANTES
En marcha e ao son das bucinas, os vehículos foron percorrendo o centro urbano en cada cidade e ao seu paso atopáronse con contramanifestantes que responderon aos partidarios da caravana ao berro de "fascistas".
De feito, as mesmas fontes oficiais explicaron que se produciron algúns altercados menores. Un "reducido grupo" de persoas romperon a porta dun coche na Coruña, oito persoas foron identificadas en Lugo, levantáronse catro actas de sanción a grupos antifascistas por insultos á Policía e realizáronse 35 propostas de sanción en Pontevedra nunha contramanifestación na Praza Eugenio Fadrique.
As bandeiras republicanas e galegas confrontáronse á española nunha xornada na que os asistentes á protesta apoian a idea de que Vox "preséntase como a única alternativa posible fronte ao caos que significa este Goberno", comentou o cabeza de lista do partido pola Coruña, Ricardo Morado.
"INDIGNACIÓN FRONTE" AO GOBERNO
Por outra banda, Vox considera que a caravana contou co "apoio de españois de diferentes ideoloxías, procedentes de todos os recunchos da provincia, a quen lles une un sentimento de indignación fronte ás decisións tomadas por este Goberno".
Desta maneira, a caravana non só estaba organizada para pedir a dimisión do Goberno pola xestión da epidemia que afecta a todo o planeta, senón tamén por "pactar con Bildu a supresión íntegra dunha reforma laboral" e polo que consideran que é "a chantaxe permanente do Goberno" que "ameaza con retirar as axudas en caso de non continuar co actual estado de excepción encuberto", é dicir, o estado de alarma que se prorrogou ata o 7 xuño, grazas á maioría obtida no Congreso dos Deputados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.