A quen corresponda

De nenos case sempre lle escribíamos unha carta aos reis magos ou lles manifestábamos verbalmente aos pais, o que se lles pedía. Faciámolo sempre con suma ledicia e coa intención de que se cumpriran aqueles nosos desexos. Os pais, realizando un grande esforzo, trataban, na medida do posible, de satisfacer aquelas peticións e o día de reis xogábamos todos felices ensinando os agasallos. Ben, iso acontecía hai cincuenta e tantos anos, e supoño que agora pasará algo semellante, coa salvidade de que tamén se agasalla aos pequenos polo Noel que seica en un home que veu das neves do norte de Europa.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 06/01/2013

Comparte esta noticia
Pois ben, como o asunto dos reis e máis figuras que conforman a escenografía do nacemento  son pura cuestión ornamental e din que sen base histórica,  desta vez escribireille unha carta a Quen Corresponda par ver se pode amañar unha serie de cuestións que nos afectan como cidadáns, deste mosaico español chamado Estado, e  que  é  onde nos  tocou vivir.
 
En primeiro lugar quixera plantexarlle  ós nosos representantes políticos e, sobre todo os que  gobernan, que  aparcaran a demagoxia para falarnos con suma sinceridade dos problemas que nos atinxen naquelas cousas do común. E que implica isto? Pois implica predicar co exemplo  deixando  de lado ataduras ideolóxicas, para ser  consecuentes co que se promete nas campañas electorais, pois prometer e logo non cumprir é equivalente a mentir. E hoxe os nosos gobernantes mentiron, e de non mudar e facer exame de conciencia, seguen mentido a diario.
En segundo lugar, que o reparto dos custes desta crise que soportamos non caia, como ven acontecendo,  sobre os que menos poder adquisitivo teñen. A sociedade conformámola todos e non é de xustiza que a uns se lle incentive por  defraudar e, a os que están controlados por nómina, ou están no paro,  se lles recorten  prestacións, dereitos, servizos básicos  e soldos.
No terceiro apartado que exista xustiza. Si, unha xustiza que actúe, pois neste país os ladróns de guante branco, rouban  os cartos, mentres os aforradores e humildes traballadores son saqueados con  prácticas enganosas e malévolas. Lembremos as preferentes e demais pufos dos banqueiros.
 
Como cuarta petición, que os que nos gobernan o fagan para todos; que non soamente  para  a parte e  para os poderosos baixo o único  prisma do liberalismo sen control. Igualmente,   para os que, amparados baixo a cobertura da fe e da moral relixiosa, impoñen barreiras ideolóxicas que coartan dereitos individuais e colectivos dos que son titulares todos os cidadáns. 
 
A quinta petición refírese  a que, si a sociedade a formamos as persoas con distintos recursos económicos, distintas crenzas, ideoloxías  e razas, débense buscar puntos de encontro para que leis que nos afecten a todos se fagan baixo o consenso político e sempre coa idea de que sexan útiles para a sociedade no  seu conxunto.
 
No tocante a Galicia que, que nos goberna dende  Compostela, exerza como presidente desta terra, e actúe en consecuencia.  Que non sexa un bedel que fai soamente o que lle mandan dende Xénova. Polo tanto, que defenda a nosa lingua, non manipule nosa televisión e outros medios de comunicación. Que defenda as nosas sinais de identidade;  que goberne para a totalidade dende a base do consenso pois, para arranxar os grandes problemas que nos atinxen como sociedade, é necesaria a colaboración  de todos.
 
Vivimos nuns tempos  incertos nos que ninguén ten a solución de todos os problemas  que nos afectan pois, en política, non hai verdades absolutas. Todo depende do cristal polo que se mira. 
En fin, lembrando aquela carta que de nenos lle mandabamos aos reis magos, agora, despois de escoitar moitas voces na rúa, remítolle esta misiva  a quen corresponda  para ver si, os nosos gobernantes e políticos en xeral, recollen algo destas peticións e, durante o ano 2013 axudan algo para que remate  esta crise que soamente trouxo paro, recortes nos servizos públicos, suba de impostos  e moitas frustracións  para todos.  Xa sei que é sumamente difícil arranxar todo nun país onde, dende a súa maxestade o rei, as institucións públicas,  os banqueiros, representantes dos grandes empresarios e outros barren para súa casa,  deixando a cousa pública ao pairo. 
En fin, como moitos cidadáns, seguirei  esperando unha contestación positiva,  pois aspiro a ver o futuro con máis claridade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com