O rexistro do Parlamento recupera a actividade presencial con cita previa

O persoal comeza este luns a súa reincorporación física, que se articulará en tres fases.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 25/05/2020 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

Os diferentes servizos do Parlamento de Galicia iniciaron este luns a reincorporación gradual do seu persoal, tras dous meses de teletraballo por mor da emerxencia sanitaria declarada pola pandemia de COVID-19.

Con iso, o rexistro da Cámara galega, que desenvolveu o seu labor de forma telemática, recupera a súa actividade presencial, aínda que para a presentación física de documentación deberá solicitarse cita previa na dirección electrónica rentrada@parlamentodegalicia.es ou chamando ao teléfono 981 55 13 00, extensións 2092 ou 2093.

Aínda así, a modalidade telemática e a da sede electrónica continúan operativas e o Parlamento recomenda que se utilicen como primeira opción.

REINCORPORACIÓN DE PERSOAL

O protocolo de reincorporación do persoal do Parlamento de Galicia, aprobado pola Mesa tras varias reunións, determina tres fases atendendo os principios de prudencia, retorno gradual e por quendas. Farase nunha contorna de "estritas medidas de seguridade e hixiene para garantir a protección da saúde das persoas, e unha permanente avaliación dos riscos".

Así mesmo, o paso dunha a outra fase será determinado por un comité de coordinación, coa colaboración do servizo de prevención de riscos laborais.

Unha comisión mixta paritaria, integrada por representantes da Administración parlamentaria e das organizacións sindicais que ratificaron o protocolo de reincorporación, encargarase do seguimento das medidas acordadas e, se fose o caso, de propor a revisión das que se consideren necesarias.

Na primeira fase, a reincorporación do persoal efectuarase por quendas, con alternancia diaria entre o traballo presencial e o teletraballo. O persoal non incorporado na primeira quenda e o incorporado nos días non presenciais continuará prestando servizo na modalidade de teletraballo.

MINIMIZAR OS RISCOS

Do mesmo xeito, o Parlamento efectuou axustes nas súas dependencias para evitar os contaxios e minimizar os riscos sanitarios.

Ademais de contar cun protocolo específico para reforzar a limpeza e desinfección das superficies, instaláronse dispensadores de xel hidroalcohólico, alfombras desinfectantes para o calzado, sistema de control de temperatura corporal no acceso, cartelaría informativa específica e biombos de separación dos espazos de traballo.

Tamén se habilitaron entradas e saídas diferenciadas e colocouse sinalización para canalizar a circulación das persoas no interior do edificio respectando a distancia de seguridade, entre outras medidas.

Deputación Permanente do Parlamento de Galicia duranten a crise do covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA
Deputación Permanente do Parlamento de Galicia duranten a crise do covid-19. PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta