A Coruña ofrecerá información en "tempo real" sobre aforamento nas praias

A concelleira de Medio Ambiente pide "sentidiño" á cidadanía no cumprimento das normas.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 25/05/2020 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A concelleira da Coruña de Medio Ambiente, Esther Fontán, pediu "sentidiño" aos cidadáns no cumprimento das normas de acceso ás praias, fixadas para manter a distancia de seguridade e as medidas hixiénicas no actual contexto sanitario.

Xunto ao director de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán, explicou --ante a entrada na fase 2 que permite tomar o sol e bañarse nas praias-- que non haberá limitación horaria no seu uso e que se ofrecerá información "en tempo real" sobre o aforamento, pero tamén sobre as 'mareas vivas'.

"Hoxe comeza ese espazo de transición entre poder acceder ás praias tal e como aparece no BOE por orde do Goberno e a fase de apertura estival das praias, que empeza o 15 de xuño e chega ata o 15 de setembro", apuntou.

Nesta etapa, sinalou que a súa "maior preocupación" é o aforamento nos areais e que se cumpran as medidas de "distanciamento e salubridade". Así, lembrou que ata o 15 de xuño "non estará aínda operativo o Servizo de Salvamento e Socorrismo".

Ás medidas establecidas polo Goberno desde este luns para acceder ás praias, sumou a "morfoloxía" dos areais coruñeses cunhas "mareas moi fortes que ocupan en gran medida os areais". Por iso, para o cumprimento das normas e para evitar incidencias, pediu "sentidiño" no uso dos mesmos.

EVITAR RESIDUOS

Ademais, lembrou que as duchas non estarán operativas polo que expuxo que "o traballo de hixiene previa e posterior" debe realizarse "nos domicilios de cada un". Sobre as medidas postas en marcha, apuntou á colocación de valos perimetrais na zona de Riazor, unha medida que tamén se fará en San Amaro, Oza e Lapas, para regular as entradas e saídas e "controlar mellor o aforamento".

Con todo, insistiu en pedir á cidadanía que "siga as indicacións da Policía Municipal e Protección Civil" nos que "nestes 15 días vai recaer o peso do control". Aos cidadáns, pediulles, ademais, que fagan un esforzo "para non deixar residuos nos areais" e rogoulles que, de fumar, o fagan "fóra das praias", onde haberá cinceiros dispoñibles á entrada.

CONTROL

Sobre o control, o responsable de Seguridade Cidadá da Coruña precisou que serán entre "70 e 80" persoas as que se encargarán del, entre elas máis de 50 socorristas cando comece o período estival. A iso súmase un posto de control e o seguimento que se fará a través de cámaras.

Respecto de onde se poderá consultar o aforamento, a concelleira explicou que agora se está "en fase experimental". "Nestes dous ou tres días veremos a mellor maneira de articular un aviso, posiblemente sexa a través da web de Medio Ambiente".

"Pero a partir do día 15 haberá unha web específica de praias onde se dirá en tempo real que aforamento teñen os areais, que previsión de cara ás subida mareas vivas", expuxo. En canto á aplicación para móbil, dixo que a intención é que estea operativa "a partir do comezo do período verdadeiramente estival".

Valos para controlar os accesos nas praias da Coruña. CONCELLO DA CORUÑA
Valos para controlar os accesos nas praias da Coruña. CONCELLO DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta