O alcalde de Santiago confía no turismo estatal e portugués para a recuperación do sector

É contrario a que Galicia abandone o estado de alarma, pero espera que "se non esta semana, para a que vén" se autorice a mobilidade interprovincial.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2020 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considera que "o primeiro turismo" que se vai a recuperar tanto na capital galega como na Comunidade de cara ao verán é o de proximidade. "Se hai algo que penso que terá éxito en Galicia é o turismo portugués e o español", asegurou.

Durante a rolda de prensa posterior á reunión da xunta de goberno local deste luns, o rexedor compostelán dixo que ve con bos ollos o anuncio do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que haberá tempada de verán, aínda que desvelou que el xa pensaba que esta apertura "se producise na segunda quincena de xuño".

Así, coa vista posta no verán, insistiu en que o visitante de proximidade será o que vai predominar: "Espero que en Santiago e en Galicia a recuperación sexa intensa, entre outras cuestións porque o peso do turismo nacional é moito maior que o internacional. Non así en Santiago, pero si no conxunto de Galicia, e creo que nos veremos beneficiados".

E é que, mentres Bugallo vaticina ese "éxito" ao recibir persoas desde outros lugares de España e, mesmo, desde Portugal, para o que, iso si, habería que restablecer a mobilidade entre provincias, advertiu que "a recuperación do turismo internacional vai tardar un pouco máis".

En calquera caso, asegurou que os hoteis da cidade xa están a coller reservas para a partir do 1 de xullo. "E canto antes se habiliten os corredores seguros e canto antes se clarifique o nivel de esixencias de protocolos, mellor", engadiu.

Preguntado polas previsións de pasaxeiros no Aeroporto de Lavacolla, dixo que as operadoras "expoñen a recuperación dos seus voos desde o mes de xullo". Aínda que "hai compañías das que non temos información, algunhas delas xa fixeron público que van operar", engadiu.

MOBILIDADE INTERPROVINCIAL E ESTADO DE ALARMA

Durante a rolda de prensa, Bugallo tamén manifestou que "espera que no ámbito galego, se non é esta semana, para a que vén se poida recuperar a mobilidade interprovincial", unha das constantes demandas trasladadas pola Xunta ao Goberno central desde o inicio do plan de desescalada.

No entanto, matizou que non lle parece "razoable" a demanda do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, de que Galicia sexa unha das primeiras autonomías en abandonar o estado de alarma nas próximas semanas, tendo en conta que o propio Pedro Sánchez abría a porta a iso este fin de semana. "Son partidario de que o estado de alarma sexa igual para toda España", dixo.

A circulación das persoas é un tema que, recoñeceu, lle preocupa. Neste sentido, entende que os gobernos autonómicos "teñen limitacións legais" para controlar a circulación. "Non me imaxino que a Comunidade puidese cortar o desprazamento dunha persoa que veña de Madrid ou de León", explicou.

FASE 2 SEN "NINGÚN INCIDENTE"

Con respecto á entrada de Santiago, igual que o resto de Galicia, na fase 2 da desescalada este luns, que permite xa a apertura de centros comerciais e do interior de bares e restaurantes, Bugallo subliñou que non ten noticias "de ningún incidente". "Estou convencido de que todo irá ben ou moi ben, porque se está vendo durante este proceso que hai un comportamento moi responsable por parte da poboación e os profesionais", declarou.

Xosé Antonio Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO
Xosé Antonio Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta