“O que fixo parar ao coronavirus foron as medidas de confinamento, non a sanidade de Feijóo”

PSdeG, Galicia en Común e BNG consideran "lamentable" que o presidente galego tente facer política con esta traxedia e destacan que tanto os cidadáns como os sanitarios coñecen "perfectamente" a súa política privatizadora da sanidade.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 25/05/2020 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

Os principais partidos da oposición en Galicia criticaron duramente a Alberto Núñez Feijóo por suliñar este domingo os investimentos realizados na sanidade galega o que, segundo el, fixo posible parar a pandemia. Unha circunstancia que desmentiron PSdeG, Galicia en Común e BNG que lembraron que Feijóo foi un dos principais privatizadores da sanidade pública galega. “Se estamos superando a pandemia é grazas ao estado de alarma e ao menor impacto do virus”, indicaron.

Así, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, lembrou que os estudos da propia Xunta e do Goberno central indican que o virus circulou “moi pouco” en territorio galego, entre o 1 e o 2%. E isto, insistiu, débese a que o Goberno central activou o estado de alarma e limitou os movementos da poboación xa a partir do 14 de marzo. “Os epidemiólogos coinciden en que grazas a esta medida o virus só circulou uns días en Galicia”, indicou en rolda de prensa.

O que fixo parar o coronavirus foron as medidas de confinamento, non a Sanidade de Feijóo”, dixo ao tempo que criticou duramente ao presidente galego por “mentir” e “poñer paus nas rodas continuamente”.  Neste sentido, volveu destacar as medidas “excepcionais” que tivo que tomar o Goberno de Pedro Sánchez pero que, “a pesar de ser extremas demostraron que están funcionando”. “E agora o PP botouse ao monte coa súa estratexia de confrontación”, indicou.

GÓMEZ-REINO

Tamén o líder de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, acusou a Feijóo de ser un “provocador” por facer declaracións que “avergoñan” a Galicia porque “a comunidade sanitaria sabe os recortes que sofren día a día”. “É unha falta de rigor e é unha absoluta provocación que repita unha mentira 1.000 veces para instalar o seu propio relato”, dixo

Así, lembrou que o conxunto dos profesionais da sanidade pública “saben que levan anos moi duros”, a pesar de que a Xunta do PP “quixo rematar cunha sanidade pública como a galega que foi un exemplo”.  

ANA PONTÓN

Tamén a líder do BNG, Ana Pontón, criticou as declaracións de Feijóo. "Todos os galegos saben perfectamente o que fixo Feijóo e o PP coa sanidade pública, situala nunha situación peor para unha pandemia", advertiu Pontón ao rexeitar “a postverdade" do presidente galego.

Así, manifestou que "os propios epidemiólogos" da Xunta din que foi "fundamental" para a contención do virus as medidas que se estableceron do estado de alarma, posto que a Galicia "chegou máis tarde". "Paréceme lamentable que Feijóo faga campaña cun tema tan delicado, houbo miles de persoas afectadas e está a deixar unha pegada desde o punto de vista económico e social", recriminou Pontón.

A dirixente nacionalista lembrou, así mesmo, que durante os gobernos de Feijóo perdéronse "máis de 700 camas" e debilitouse " a atención primaria", para a que piden un fondo de 200 millóns de euros para reforzala. "Que non xogue con este tipo de cuestións e non lle amenta aos galegos", remachou.

Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública
Manifestación en Vigo en defensa da sanidade pública | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Ana

O que fixo parar o coronatimo foron as protestas da xente, informada a través de internet e farta de tanto recorte de liberdades e ruina económica. Sen dubida videos como o de "Diputado italiano sobre Coronavirus" axudaron a abrir os ollos da xente.

2 Chechu

O que salvou a Galicia foi o mesmo que salvou a Portugal: adoptar medidas antes de que chegara o virus. Deixádevos de contos, os recortes pasados nada teñen que ver. Portugal recortou en Sanidades moito máis e ahí están con relativamente poucos casos e poucos mortos

1 Gamela

Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk A ver quen é capaz de prometer que non haberá máis teleasistencia no SERGAS ? A que a todos vailles vir de perlas o coronavirus ?