Temas: CULTURA TEATRO

Reaberta a contratación de espectáculos para a Rede de Teatros con funcións ao aire libre e consecutivas

Para facilitar a programación, permitiranse as actuacións ao aire libre durante os meses de verán, en escenarios pechados diferentes aos adscritos á Rede ou como parte de festivais, mostras ou certames organizados polas distintas localidades.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2020 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

A Xunta abre ata o 8 de xuño a convocatoria de espectáculos galegos para a súa contratación durante o segundo semestre dentro da actividade anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, unha iniciativa que busca recuperar a programación perdida durante a emerxencia sanitaria e que propón iniciativas para adaptala á actual situación como os espectáculos ao aire libre ou a bonificación de funcións consecutivas.

Así, segundo informou a Xunta, este chamamento a compañías e artistas faise con "unha serie de medidas" que "flexibilizan a normativa" deste circuíto, co obxectivo de deseñar unha carteleira ata final de ano que permita recuperar a actividade perdida.

As novas medidas propostas aos 40 concellos titulares de espazos membros desta rede forman parte do Plan de Reactivación dos sectores Cultural e Turístico aprobado pola Xunta e supoñen "modificacións importantes" na normativa habitual deste programa, recoñece o Goberno galego.

Deste xeito, por exemplo, para facilitar a programación, permitiranse as actuacións ao aire libre durante os meses de verán, en escenarios pechados diferentes aos adscritos á Rede ou como parte de festivais, mostras ou certames organizados polas distintas localidades.

Con esta flexibilidade de funcionamento, espérase que todos os espazos acollidos esgoten os créditos consignados para o ano 2020 dentro desta liña de programación, mediante o compromiso de recolocación de todas as funcións aprazadas.

FUNCIÓNS CONSECUTIVAS

Seguindo este obxectivo, a Agadic, dependente da Consellería de Cultura, fomentará a contratación de funcións consecutivas do mesmo espectáculo en cada espazo, incrementando as súas porcentaxes de achega nas segundas e terceiras funcións dun mesmo evento nun mesmo escenario.

O prazo de inscrición de espectáculos e concertos permanecerá aberto desde este luns e ata próximo 8 de xuño a través da web profesional www.galescena.gal. A convocatoria queda reservada a compañías de teatro e grupos musicais galegos, xa que para as formacións procedentes de fóra de Galicia prorrógase a selección que fora realizada para o primeiro semestre de 2020.

Teatro Afundación de Vigo
Teatro Afundación de Vigo | Fonte: XdV

Temas: CULTURA TEATRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta