Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/05/2020 | Actualizada ás 19:48
O vindeiro venres finaliza o prazo para a inscrición de coalicións e, preto de converterse nunha delas, está a alianza de En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, que ademais queren sumar a mareas municipalistas que se presentaron ás pasadas eleccións municipais con distintos resultados.
O coportavoz de En Marea, Pancho Casal, revelou que había contactos con outras formacións pero mostrouse "prudente" e non quixo concretar con que partidos políticos se estableceu este diálogo. En todo caso, mostrouse optimista con que, en próximos días —ou horas—, se puidese alumar unha coalición "ampla" e "galeguista".
Distintas fontes coñecedoras das negociacións, indicaron que está próximo un pacto no que estarían En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista, ademais doutras mareas municipalistas de varias provincias.
O Partido Galeguista mostrouse a favor, en días pasados, a buscar unha alianza "ampla" para as eleccións do 12 de xullo. "Unha forza para gobernar e construír un proxecto constitucional galego de Estado, descentralizador e vertebrado sobre alicerces de recoñecemento e autonomía das rexións actuais e asociadas no futuro", sinalou este partido.
Así mesmo, a formación que preside Manuel Suárez aposta por unha opción política que "naza a favor dos intereses da Galicia territorial e dos galegos, en ningún momento concibida como ferramenta para ir a priori en contra ou a favor de ningunha outra formación política".
Pola súa banda, Compromiso por Galicia apostou en 2019 por apoiar ao BNG publicamente, nas xerais. Con todo, nas autonómicas decidiu presentarse en solitario (na cita para o 5 de abril) ao "non ser posible" un diálogo con esta formación.
Agora, a dirección liderada por Juan Carlos Piñeiro decidiu explorar coas súas bases unha alianza para as autonómicas do 12 de xullo e, aínda que na súa pregunta telemática non o inclúen especificamente, con toda probabilidade a coalición proposta será con En Marea e o Partido Galeguista. Iso, con ese obxectivo común de darlle á situación derivada da Covid-19 "unha visión diferente desde o país".
Nas pasadas eleccións do 5 de abril, En Marea decidiu non presentarse, despois de que a súa ata entón cabeza visible, o maxistrado en excedencia Luís Villares, decidise saírse da primeira liña política e deixar os cargos que ostentaba. Pola súa banda, Compromiso por Galicia si que presentou listas no catro circunscricións galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.