A CIG pide que se impidan a entrada nos supermercados a clientes sen máscaras

Di que "non pide ás cadeas que fagan funcións de policía", senón que "exerzan a súa responsabilidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2020 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

A CIG-Servizos denuncia "a total irresponsabilidade" das principais cadeas de comercio de alimentación que operan en Galicia con respecto ao material protector que empregan os clientes, polo que demandan a estas empresas que fagan "un control estrito" e que impidan a entrada nos supermercados a persoas que non leven máscara.

A través dun comunicado, o sindicato denuncia que esta situación "é xeneralizada" e que a "falta de control" xera "gran malestar" entre os consumidores que si a empregan, seguindo a instrución marcada polo Goberno desde o pasado xoves que establece que a máscara é obrigatoria en espazos nos que non é posible manter a distancia de seguridade de dous metros.

Neste sentido, a CIG matiza que non pide ás cadeas que fagan "funcións de policía", senón que "exerzan a súa responsabilidade" e establezan "unhas normas de acceso claras e sinalizadas" do mesmo xeito que se obriga á clientela a empregar luvas e desinfectante na entrada.

Por isto mesmo, a central nacionalista considera que mesmo se debe "facilitar máscaras" a aquelas persoas que non a teñan. "E se alguén non quere utilizala, que se lle impida o acceso ao supermercado, xa que o resto da clientela e as traballadoras e traballadores teñen dereito a comprar e traballar coa máxima seguridade e protección posible", engade.

Ademais, reclama ás empresas que "sinalicen debidamente" a obrigatoriedade das máscaras, posto que nalgúns establecementos "nin sequera hai información" neste sentido, "só cartelaría coa recomendación"; mentres que os que indican que si é obrigatorio "tampouco impiden a entrada" aos que non a levan.

Xunto a todo iso, a CIG advirte que "en moitas tendas non se están respectando os límites de aforamento máximo permitido, razón pola que --asegura-- día si día tamén as delegadas e delegados diríxense ás direccións para que se tomen medidas".

Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus
Colas no exterior dun supermercado controladas por militares tras a declaración do estado de alarma pola pandemia de coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ana

¿Dónde están as probas de que actualmente existe unha pandemia?. ¿Dende cando se obriga a levar o bozal (mascarilla) as persoas sanas, cando estan respirando dióxido de carbono?. E intolerable que se obrigue a xente a levar algo que e malo para a sua saude. ¿Quen responde se lles pasa algo?. Xa hai políticos en Italia denunciando a farsa(ver video "diputado italiano sobre Coronavirus") e seguimos agardando polas autopsias para saber se os falecidos morreron polo virus ou por outras patoloxias. Facer caer a economía (arruinando a pequeña empresa e endebedando aos paises), vacunarnos e control social: de isto vai o coronatimo según cada vez mais xente no mundo.