A COVID-19 afunde a liquidez das empresas: O 79% acepta prazos de pago superiores aos desexados

A pandemia está afectando, sobre todo, a situación económica das pemes. As grandes empresas resisten mellor.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/05/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

O 79% das empresas debe aceptar prazos de pago superiores aos desexados desde que comezou a crise do coronavirus. Así, e de acordo co Estudo da Xestión do Risco de Crédito en España, que impulsan Crédito e Caución e Iberinform, o actual contexto económico está a provocar un empeoramento dos prazos de pago nas operacións comerciais que está a afectar seriamente á liquidez das empresas.

Fronte aos datos de 2019, o mellor rexistro desde que se realiza este estudo, 2020 reflicte o peor comportamento de toda serie histórica. Así, un 24% de empresarios e autónomos recoñecen que traballan por encima dos 90 días, unha taxa que duplica a de 2019. Só o 33% das empresas opera cos prazos inferiores aos 60 días que tratou de impulsar a Lei 15/2010 de Medidas de Loita contra a Morosidade. Hai un ano, practicamente a metade do tecido empresarial traballaba a menos de 60 días.

O mellor comportamento rexístrase no sector público e o peor entre as pemes. Só o 8% das empresas que ten relacións comerciais coa Administración ten que aceptar unha extensión dos prazos de pago, unha porcentaxe similar a 2019. A capacidade dos autónomos para impor prazos de pago tamén se mantén estable, no 19%.

Por primeira vez desde que se realiza este estudo, rexístrase un peor comportamento entre as pemes que na gran empresa. O 41% das empresas tivo que aceptar prazos de pago superiores aos desexados por parte de grandes empresas, fronte 50% que tivo que alargar os prazos para traballar co segmento de pemes. Este xiro no comportamento garda relación con outras evidencias que deixa o estudo, como o incremento dos problemas de liquidez do tecido empresarial.

Nese sentido, ao abordar as razóns que explican a morosidade empresarial, por primeira vez desde 2016, a falta de dispoñibilidade de fondos (55%) volve ser a razón máis citada, por diante do atraso intencionado dos clientes (45%). A complexidade do procedemento de pagos (15%), as disputas sobre a calidade dos bens e servizos fornecidos (6%) ou a emisión de facturas incorrectas (4%) completan as motivacións esgrimidas polos clientes para atrasar os seus pagos.

A conselleira de Medio Ambiente, Angeles Vázquez, visita as instalacións da empresa Sogapol, do Grupo Valtalia. CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE
A conselleira de Medio Ambiente, Angeles Vázquez, visita as instalacións da empresa Sogapol, do Grupo Valtalia. CONSELLERIA DE MEDIO AMBIENTE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta