GC Aberto

A vulnerabilidade

Por admin | Santiago de Compostela | 29/05/2020

Comparte esta noticia

“Pequeño y pobre pan de la solidaridad,

Unha muller ao coidado dunha persoa maior
Unha muller ao coidado dunha persoa maior
bandera contra el frío, agua fresca para la sangre:

elementos maternos que no deben alejarse

del corazón”.

 

Roque Dalton

Hai tempo comprendín que escribir nos sitúa ante a propia vulnerabilidade e, no meu caso particular, reconcíliame con ela. Imaxinábaa como o pecíolo dunha folla, a tenrura do punto no que pode ser arrancada, pero, á vez, o elemento polo que está unida ao talo.

Nacemos en extrema vulnerabilidade, tanto que precisamos coidados e, a partir desa

fraxilidade, desenvolvemos vínculos. O regazo materno, a familia, a comunidade...Redes de

seguridade colectivas tecidas co fío dos coidados e a vulnerabilidade como condición intrínseca ao ser humano. O paradoxo está en que, a maior complexidade da estrutura social, deixamos de recoñecernos na vulnerabilidade. En sociedades que promoven a competitividade e o individualismo, a vulnerabilidade confúndese con debilidade e convértese en obxecto de discriminación e segmentación social: sobre ela se cimentan desigualdades e privilexios.

Durante a crise que nos golpeou en 2008 o sistema financeiro entrou en colapso, as empresas pecharon e a xente perdeu os seus empregos. As vulnerables eramos as persoas, pero a rede de seguridade púxose baixo os pes dos bancos. Da crise saímos con menos do público e coa socialización dunha palabra, “precariedade”, substantivo do capitalismo para vulnerabilidade.

En oposición a isto, durante os últimos anos o movemento feminista redefine a hipótese da vertebración social a través das redes de coidados, non só arredor das mulleres e as discriminacións que padecemos polo feito de selo, senón incluíndo as múltiples discriminacións que atravesan aos seres humanos, de aí a formulación interseccional de parte do movemento.

Hoxe, a COVID19 colócanos de novo ante a vulnerabilidade. Confinadas, separadas das nosas familias, e, nos casos máis dramáticos, sen poder despedirnos delas. Nun sistema que crea necesidades do prescindible, un virus clarifica o esencial. Hai un decreto do goberno que

ditamina como sectores fundamentais algúns dos sectores máis feminizados e, como consecuencia do sistema patriarcal, precarizados. As herdeiras da precariedade da crise do 2008 salvan ás vulnerables do 2020. O lema das manifestacións do 8M en Galicia faise realidade con suma crueza: Sen coidados non hai vida.

Fronte ao compromiso das que permiten que unha gran parte da poboación permaneza nas casas coidándose e coidándonos, vemos con estupefacción a belixerancia da oposición co goberno. Nesta fraxilidade, axitar a bandeira do medo parece propio de sociópatas. As súas ansias de derrocar ao goberno trasladan a irresponsabilidade a algunhas rúas nas que asistimos a unha gravísima manifestación de insolidariedade: a reivindicación dos egoismos fronte ao coidado común.

Verbalicémolo ou non, o que precisamos como sociedade son certezas, a rede de seguridade baixo os nosos pés, ou, o que é o mesmo, máis do público. Entendamos que o peche en falso da crise do 2008 supuxo deixar a moitas persoas atrás, debilitando esa rede. Unha rede que non se limita ás institucións nin aos políticos. Unha rede que somos todos e todas, como nos están a demostrar as traballadoras e traballadores dos servizos esenciais.

Por iso, entre as distintas medidas anunciadas polo goberno, e entre as que se acorden, o ingreso mínimo vital resulta imprescindible, como o son os servizos públicos ou as traballadoras e traballadores que aplaudimos ás oito da tarde. Cada persoa que deixamos atrás é unha fenda nesa rede, cada euro que lle quitamos ao común para deixalo en mans privadas vólvea máis feble.

Cómpre escoller como saímos deste reencontro coa vulnerabilidade: Se facemos dela o punto no que a folla se separe do talo, ou facemos dela vínculo. O ingreso mínimo vital que se aprobará esta mesma semana será a concreción política da solidariedade, a bandeira contra o frío do poema que Dalton. O primeiro chanzo dunha saída da crise que, ao contrario do 2008, non debe afastarse do corazón.

Verónica Hermida, secretaria de Feminismos e voceira do Consello de Coordinación de

Podemos Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta