En Común promete un "plan de estabilización" na enfermaría pública para cubrir "especialidades deficitarias"

A coalición denuncia que Galicia "é a terceira comunidade co peor cociente" de enfermeira por paciente, á vez que asegura que a Xunta "oculta" información sobre os postos de traballo e as necesidades de cada servizo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2020 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

A coalición Galicia en Común-Anova Mareas comprometeuse a impulsar desde a Xunta un "plan de estabilización" para a enfermaría da sanidade pública que atenda aquelas especialidades que actualmente atravesan unha situación "deficitaria".

Este martes, o candidato á Presidencia da Xunta pola coalición, Antón Gómez-Reino, e a cabeza de lista por Pontevedra, Eva Solla, mantiveron un encontro telemático co colectivo 'Enfermeiras Eventuais en Loita'.

A plataforma denuncia que Galicia "é a terceira comunidade co peor cociente" de enfermeira por paciente, á vez que asegura que a Xunta "oculta" información sobre os postos de traballo e as necesidades de cada servizo.

Na reunión, a candidatura de coalición comprometeuse a, en caso de alcanzar responsabilidades de goberno, "estabilizar o emprego do persoal e facer unha radiografía nova das necesidades de cada servizo para poder sacar novas prazas de enfermaría en varios exercicios".

"A clave da nosa sanidade pública está nos seus profesionais e debemos coidalos", manifestou a cabeza de lista, Antón Gómez-Reino, que puxo o foco na necesidade de reforzar aquelas especialidades que atravesan situacións "deficitarias".

Así mesmo, tamén se comprometeron a actualizar as categorías profesionais e as funcións en enfermaría, persoal técnico e auxiliar de enfermaría, así como a recoñecer as celadoras e celadores como persoal sanitario.

Conferencia de En Común con Enfermeiras Eventuais en Loita. EN COMÚN
Conferencia de En Común con Enfermeiras Eventuais en Loita. EN COMÚN | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta