Críticas á supresión do 'tren hotel': o BNG acusa o Estado de aproveitar a crise para recortar servizos

Esixe a súa recuperación "inmediata" e a CXT cuestiona a decisión nun contexto no que se fomenta este medio como alternativa ao avión.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2020 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

A decisión de Renfe de non volver poñer en circulación o seu 'tren hotel' unha vez renove o tráfico ferroviario tras o estado de alarma está a xerar polémica polo territorio e espacialmente en Galicia.

Este martes, o BNG presentou unha proposición non de Lei no Congreso para esixir ao Ministerio de Transportes a recuperar "de forma inmediata" o servizo.

A operadora descarta recuperar, polo menos no curto prazo, estes trens apelando a criterios económicos e ao impacto que a crise sanitaria provocada pola COVID-19 está a ter no sector do transporte. Renfe rexistraba unha perda anual duns 25 millóns de euros pola prestación do servizo de 'tren hotel'.

Actualmente só se prestan dúas conexións en España e unha internacional: Madrid coa Coruña, Pontevedra e Ferrol; Barcelona coa Coruña e Vigo; e Madrid-Lisboa.

No entanto, dada as perdas que este histórico servizo viña acumulando e as novas normas de seguridade e hixiene que serán precisas, Renfe descarta recuperalo tras a crise, polo menos no curto prazo, o que podería así supor a definitiva desaparición deste histórico servizo nocturno.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, advertiu de que a situación de alerta que vive o país non pode ser aproveitada para continuar co "proceso de desmantelamento dos servizos ferroviarios e do seu carácter público", sobre todo no caso da comunidade galega.

Rego tamén insiste en que a situación tampouco debe levar un incremento de prezo das viaxes, xa denunciados noutras ocasións por "abusivos", como o caso da liña Avant A Coruña-Ourense e as subidas aplicadas ao ano 2020 para a tarifa media.

Xa no mes de outubro, o BNG denunciou as críticas de usuarios cando Renfe pretendía rebaixar a calidade dos trens-hoteis e cambialos por talgos máis vellos, con "máis atrasos e deficiencias nos traxectos".

Nesta liña, o sindicato CXT arremeteu contra a decisión de "minguar" a conexión ferroviaria entre Galicia e o resto do territorio, e utilizada por "miles de persoas" ao unir puntos "tan importantes" como Ponferrada, Astorga, León, Palencia, Burgos, Zaragoza, Tarragona, Barcelona e Madrid.

Con esta supresión, denuncian, Renfe deixa "só un tren diúrno entre Barcelona e Galicia, cunha duración de viaxe total de 12 horas", como parte dunha campaña de "degradación" dos servizos nocturnos emprendida durante anos.

O sindicato contrapón esta medida coas actuacións ferroviarias noutros países europeos, que están a potenciar os trens hoteis como alternativa aos avións no marco do plan contra o Cambio Climático da UE.

MAIOR RENDIBILIDADE

A compañía, no seu plan de volta á normalidade, contempla priorizar a continuación daqueles trens e conexións que presenten maior rendibilidade por rexistrar un alto cociente de ocupación para paliar no posible as "perdas" que prevé a crise lle xere, segundo detallaron a Europa Press ditas fontes.

Renfe xa rexistrou o efecto negativo da crise nos resultados do primeiro trimestre do ano, a pesar de que o parón se iniciou na segunda metade de marzo.

En concreto, a operadora que preside Isaías Táboas pechou este período cun descenso do 17,7% nos ingresos xerados polo tráfico de viaxeiros nos seus trens AVE e Longa Distancia, que se situaron en 274,44 millóns de euros, fronte aos 333,3 millóns dun ano antes.

Renfe pechou o trimestre cunha caída do 16,9% no número de viaxeiros transportados en trens AVE, que situaron en 4,1 millóns, fronte aos case cinco millóns dun ano antes.

Os usuarios do resto de trens de Longa Distancia reducíronse un 18,7%, ata 2,12 millóns.

Tren hotel de Renfe. RENFE - Arquivo
Tren hotel de Renfe. RENFE - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

A noticia é un pouco confusa. ¿ Fálase do tren hotel entre Galicia ( Coruña/Vigo) e Barcelona, ( o famoso " Catalán") ou do tren nocturno entre Galicia (Coruña/Vigo) e Madrid ? O " Catalán" era ( i é) un servcio moi popular en Galicia, moi cómodo, e usa a vía de alta velocidade entre Zaragoza e Barcelona. En datas puntas vai cheo, e mesmo as ramas de Coruña e Vigo circulan separadas. En servicios diurnos de Galicia a Barcelona é mais rápido facer a viaxe vía Madrid.