Aprobado o límite aos prezos universitarios mentres a Xunta di terse "adiantado" a esta limitación desde hai dez anos

A proposta do Ministerio foi debatida este mércores na reunión telemática da Conferencia Xeral de Política Universitaria, presidida polo ministro Manuel Castells, co apoio "maioritario" dos responsables autonómicos do ramo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2020 | Actualizada ás 21:07

Comparte esta noticia

O Ministerio de Universidades e as comunidades autónomas acordaron este mércores a fixación dun límite aos prezos universitarios o próximo curso. Este custo máximo suporá unha rebaixa das primeiras matrículas na maioría das comunidades españolas, pero seguirá situándose por encima da cifra que mantén Galicia desde hai dez anos.

O Sistema Universitario de Galicia conta coas taxas de primeira matrícula conxeladas desde o curso 2011-2012 que será, precisamente, o ano de referencia que utiliza o departamento de Manuel Castells para o seu plan de face a abaratar os custos dos estudos universitarios, que arrincará o próximo período académico.

A proposta do Ministerio foi debatida este mércores na reunión telemática da Conferencia Xeral de Política Universitaria, presidida polo ministro Manuel Castells, co apoio "maioritario" dos responsables autonómicos do ramo.

Galicia seguirá sendo a comunidade cos prezos universitarios máis baratos de todo o Estado. A propia conselleira de Educación, Carmen Pomar destacou que a Xunta leva "unha década adiantándose" a esta proposta, que toma como referencia a cifra media do curso 2011-2012 (uns 16,05 euros por crédito), e sitúase ata catro puntos por baixo (11,89 euros por crédito).

O Consello da Xunta aprobou xa na súa reunión da semana pasada conxelar de novo estas taxas, tanto en primeiras matrículas como en máster habilitantes, e Pomar destacou que tamén se rebaixarán os prezos do non habilitantes ata equiparalos aos de grao.

O obxectivo será, segundo incidiu, en "minorar" o esforzo económico que teñan que realizar as familias e os estudantes e "garantir a igualdade de oportunidades", ideario compartido este mércores polo ministro Castells.

FLEXIBILIDADE

No entanto e a pesar do obxectivo de situar o custo na media do período 2011-2012, o sistema aprobado na sesión establece certa flexibilidade aos gobernos autonómicos para aplicar a redución de prezos de primeira matrícula, que terán como límite ata o curso 2022-2023 para lograr o obxectivo do plan.

O modelo de prezos parte do custo medio de crédito universitario do curso 2011-2012 e asigna un índice a cada territorio para determinar as comunidades que terán que executar unha rebaixa nas taxas de primeira matrícula.

Deste xeito, catalógase aos diferentes territorios segundo o afastados que estean de conseguir este obxectivo, permitindo establecer un prezo por crédito que superará, nalgún caso, nun 15 por cento o valor de referencia.

En suma, a proposta obriga a dez comunidades autónomas a rebaixar os seus prezos, pero Madrid e Cataluña (as máis afastadas do obxectivo) poderán amortecer a redución ata os 18,46 euros por crédito.

Aragón, Baleares, Castela e León, Comunidade Valenciana, Estremadura, Navarra, País Vasco e A Rioxa terán que recuperar o prezo que ofertaban no período 2011-2012, mentres que Andalucía, Asturias, Canarias, Cantabria, Castela A Mancha, Galicia e Murcia non terán que reducir as taxas (actualmente xa son máis baixas que nese curso).

PRIMEIRO PASO

O acordado este mércores rebaixa o obxectivo que expuña o ministro Castells hai só unhas semanas, que era devolver os prezos das primeiras matrículas universitarias aos niveis de 2011-2012.

O primeiro paso deuse no Consello de Ministros do pasado 5 de maio, coa eliminación do sistema de 'pinzas' para prezos públicos introducido en 2012 durante o Goberno de Mariano Rajoy.

Ese sistema de pinzas provocou, segundo o Goberno, un incremento medio do 17% do prezo do crédito universitario, e xerou moita disparidade entre comunidades autónomas. O novo modelo de prezos busca, así, reducir as diferenzas entre as universidades do Estado e facilitar o acceso á Educación aos mozos.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, na Conferencia Xeral de Política Universitaria. XUNTA
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, na Conferencia Xeral de Política Universitaria. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta