A oposición únese para que Feijóo compareza no Parlamento pola situación de Alcoa

Piden que informe das medidas "que ten previsto adoptar para evitar o peche da fábrica e garantir o emprego".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2020 | Actualizada ás 20:58

Comparte esta noticia

Os catro grupos da oposición rexistraron na Cámara galega unha petición para que compareza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante o anuncio de peche feito pola multinacional Alcoa para a súa fábrica de Cervo, na Mariña.

No escrito, ao que tivo acceso Europa Press, PSOE, Común da Esquerda, BNG e En Marea piden a comparecencia de Feijóo para informar as medidas "que ten previsto adoptar para evitar o peche da fábrica de Alcoa en San Cibrao e garantir o emprego", así como a "continuidade da antiga fábrica" na cidade da Coruña.

A petición conxunta, á que o Parlamento ten obrigación de dar curso, supón convocar unha reunión da deputación permanente que, á súa vez, deberá decidir se convoca ou non ao mandatario autonómico, xa que a Cámara recuperou a súa condición habitual para períodos entre lexislaturas.

Durante a pandemia, os grupos lograron pactar --uns dous meses despois-- un mínimo de actividade parlamentaria para suplir a anomalía que supuña disolver o hemiciclo pero non celebrar eleccións, xa que se cancelou a cita convocada para o 5 de abril. Pero de facto, apenas se puxo en práctica unha semana, posto que Feijóo volveu convocar eleccións e o acordo era que, nese momento, se regresaba á situación anterior.

Por tanto, e a falta de que se dea trámite a esta petición conxunta, polo menos os deputados que permanecen no órgano entre lexislaturas teñen que reunirse unha vez, salvo que o propio Feijóo decida comparecer 'motu proprio' na Cámara autonómica.

ALCOA

En pleno período preelectoral en Galicia, Alcoa comunicou este xoves que abre un período informal de consultas polo despedimento colectivo dun máximo de 534 empregados da súa planta de aluminio primario de San Cibrao, no municipio de Cervo, debido á súa produción "ineficiente" e a súa situación "insustentable".

Mentres que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, bota a culpa ao Goberno central de non aprobar un estatuto para as empresas electrointensivas; o líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, pon a pelota no tellado o Goberno galego. Paralelamente, o BNG pide a "nacionalización" da empresa e Galicia en Común reclama un plan de rescate para garantir os postos de traballo.

En Marea, pola súa banda, situouse "á beira do persoal de Alcoa e da xente da Mariña e asegurou que buscará un acordo que garanta o futuro da comarca". Ciudadanos solicitou a comparecencia da ministra de Industria.

Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, que acolle a comparecencia de Feijóo. XUNTA
Reunión da Deputación Permanente do Parlamento de Galicia, que acolle a comparecencia de Feijóo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta