Reaccións Alcoa: Feijóo di que el non ten responsabilidades e destaca que con Rajoy "había solucións"

O Goberno central pide á empresa "corresponsabilidade" tras darlle 38 millóns de euros. O PSdeG aposta por "formas de intervención" da empresa. O BNG pide "deixar de pelexas" e actuar. En Marea urxe un "plan industrial" para a comarca da Mariña para non "depender dunha actividade". Ciudadanos leva a Bruxelas a "inacción" de Feijóo e Sánchez.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/05/2020 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu novamente a descargarse de responsabilidades sobre o que acontece en Alcoa e apelou ao Goberno do Estado a aclarar "se quere" que continúen operando no país industrias como esta, aproben un estatuto de prezos electrointensivos que faga "viable" e "competitivo" producir aluminio primario en España.

A preguntas dos medios este venres na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Alberto Núñez Feijóo asegurou que "se a alguén non lle colle por sorpresa" o anuncio de que a multinacional expón un despedimento colectivo de 534 traballadores da súa planta de aluminio en Cervo (Lugo) "é ao Goberno, que estaba advertido de que Alcoa non podía operar aos prezos de enerxía que hai en España".

"Levámolo dicindo desde hai anos, ao goberno de (José Luís Rodríguez) Zapatero, ao goberno de (Mariano) Rajoy e agora ao de (Pedro) Sánchez. Cos primeiros atopamos solucións, co actual non atopamos a mínima intención para que Alcoa siga operando", aseverou Feijóo, que acusou ao Executivo central de priorizar a "ideoloxía" na súa política enerxética e industrial.

Neste sentido, o mandatario popular remarcou que o Goberno que lidera Pedro Sánchez actúa con "interese ideolóxico" no plano enerxético, o que, ao seu xuízo, pon en risco o futuro non só de Alcoa na comarca da Mariña, senón doutras industrias situadas por todo o Estado.

"Se Alcoa pecha polos prezos da enerxía haberá outras electrointensivas doutras comunidades que tamén pecharán. Isto é o primeiro aviso", sentenciou Feijóo, que subliñou a súa petición ao Goberno de despexar "se queren este tipo de industrias" que, en palabras do presidente galego, enfróntanse a "unha treboada perfecta" coa combinación do actual prezo da enerxía para producir e o contexto económico de crise global.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a reunión por videoconferencia de líderes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a reunión por videoconferencia de líderes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.. XUNTA

BNG

O Bloque Nacionalista Galego instou ao Goberno do Estado e á Xunta de Galicia a "deixarse de pelexas" e achegar solucións que garantan o futuro da factoría de Alcoa en San Cibrao que, segundo indicou, pasa pola "nacionalización".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, desprazouse este venres ao municipio lucense de Cervo para manter un encontro cos alcaldes, alcaldesas e responsables políticos do Bloque na comarca co obxectivo de analizar a situación da planta e instar á mobilización social e institucional para evitar o seu peche.

"Cando está en xogo o futuro dunha comarca e centos de postos de traballo no país non valen nin vacilaciones nin medias tintas, nin botar balóns fóra, nin pelexas partidistas. O que se necesita é unha solución inmediata que pasa pola intervención e pola nacionalización de Alcoa", subliñou Pontón, que rexeitou as "escusas" e "tanta retórica partidista".

A xefa de filas dos nacionalistas galegos criticou que nin o Executivo central nin o galego achegan solucións. "Desde aquí quero trasladar un compromiso claro: se o 12 de xullo os galegos e as galegas nos dan a responsabilidade de goberno, o primeiro reto no que traballaremos é a nacionalización desta factoría, que é posible por parte do Estado e da Xunta", apuntou.

"Se Angela Merkel pode intervir Lutfhansa en Alemaña por que non Alcoa en Galicia?", preguntouse Pontón, que sostivo que o goberno que aspira a presidir "é a garantía de que ese reto será unha prioridade de traballo" así como de que se porá fin "ao espolio enerxético" de Galicia.

"Poremos en marcha unha tarifa eléctrica galega para Alcoa e para o resto de industrias electrointensivas", sinalou a líder nacionalistas, que lamentou a "inacción" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mesmo ante o peche dunha empresa que "achega o 30% do PIB da provincia".

"Onte Alcoa anunciaba o despedimento de 534 traballadores, que afecta tamén a 350 empregos nas auxiliares e... Cal foi a resposta de Feijóo? Poñer un tuit. Nin unha proposta, nin unha alternativa", censurou Pontón, que considera que "así non se solucionan os problemas do país".

Por outra banda, tamén este venres, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, instou ao Ministerio de Industria a convocar a mesa multilateral sobre Alcoa para abordar solucións que garantan a continuidade da actividade e dos postos de traballo en San Cibrao.

MINISTERIO DE INDUSTRIA

A ministra de Industria, Turismo e Comercio, Reyes Maroto, pediu a Alcoa "corresponsabilidade" ante o anuncio de despedimento colectivo de 534 persoas na súa planta de San Cibraoe asegurou que o Goberno traballará "da man dos sindicatos" para non perder capacidade produtiva.

"Imos traballar da man dos sindicatos, tamén estamos a falar coa dirección da compañía e tratando de que a Xunta se some a este apoio que hai que facer aos traballadores para non perder capacidade produtiva", sinalou a ministra en declaracións á Cadena Cope.

Maroto reiterou á multinacional estadounidense produtora de aluminio que ten que mostrar "corresponsabilidade" coa comarca da Mariña, dependente da planta de San Cibrao, e lembroulle que o investimento de 38 millóns de euros nos dous últimos anos tiña como condición manter o emprego.

Respecto da venda das plantas da Coruña e Avilés (Asturias) por parte de Alcoa ao fondo suízo Parter Capital, que durante o estado de alarma informou da súa revenda a Grupo Industrial Riesgo, a ministra recoñeceu que existe unha "gran preocupación" sobre o futuro de ambas as factorías e "moitísimas dúbidas" sobre os termos da operación.

"Estamos a traballar con Alcoa e Parter para coñecer mellor os termos desa venda, hai moitísimas dúbidas, e os traballadores saben que imos defender o seu traballo e a buscar calquera alternativa que asegure as capacidades produtivas como o fixemos co resto de empresas industriais que nestes dous anos tivemos que tutelar", asegurou.

PSdeG

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediu ao Goberno do Estado que estude "todas as formas de intervención" que sexan "legais e economicamente viables" da factoría de Alcoa en San Cibrao e instou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a deixar de ser "un mero espectador" para pasar a ser "parte da solución".

O xefe de filas do PSdeG asegurou que a súa prioridade, compartida por "todos os socialistas" é "garantir o emprego industrial".

"Sabemos que se destruíu moito emprego e necesitamos unha política industrial que reindustrialice e permita manter o sector", manifestou Gonzalo Caballero, quen trasladou o "apoio" e a "cooperación" do Partido Socialista a todos os traballadores da planta.

Na súa intervención, ademais, lembrou que, ao longo dos últimos anos, o Goberno de España deulle á planta 38 millóns de euros, sendo "unha das factorías que máis apoio recibiu en toda España". Por iso, considerou que "unha multinacional que recibiu centos de millóns" debe "manter o compromiso co emprego".

Tamén volveu considerar que Galicia necesita un goberno progresista que a dote dunha política económica e industrial: "Non existe unha planificación nin acción industrial desde o Goberno da Xunta para retomar as dificultades que ten as industrias", censurou o socialista, que sostén que o Goberno de Feijóo "non achegou nada á hora de dar solucións a problemas dos sectores".

"No tema de Alcoa, nestes dous anos o Partido Popular demostrou que non ten ningunha capacidade de contribuír nin vontade de facelo", argumentou Gonzalo Caballero, que chamou ás formacións a "remar todos xuntos" para buscar solucións nunha "situación excepcional".

CIUDADANOS

O eurodeputado de Ciudadanos Adrián Vázquez rexistrou unha pregunta no Parlamento europeo na que critica a "inacción" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do xefe do Goberno estatal, Pedro Sánchez, na crise de Alcoa.

En concreto, Vázquez subliña que o peche de Alcoa San Cibrao é o resultado "dunha falta absoluta de política industrial" por parte das administracións central e autonómica.

Por iso, preguntará á Comisión Europea se o Goberno de Sánchez solicitou as axudas do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización a modo de "apoio" para os empregados afectados. Así mesmo, demanda directamente a Europa que tome medidas "para evitar o peche de empresas industriais".

Neste contexto, a portavoz de Ciudadanos en Galicia, Beatriz Pino, explica que o seu partido elevará esta cuestión a Bruxelas despois de levar "anos denunciando que isto podía pasar". "E parece que vai pasar sen que o PSOE nin o PP fixesen nada por salvar estes postos de traballadores", engade.

Para a líder do partido laranxa, o peche desta planta de aluminio é "devastador para a economía de moitos galegos", que "necesitan estes soldos para manter ás súas familias".

Así, Pino pide á Xunta e ao Goberno español que "poña urxentemente unha solución enriba da mesa para estas familias". "Temos que facer o posible para que este sector se recupere deste duro golpe. Necesitamos certezas, non improvisación", insiste.

EN MAREA

O portavoz de En Marea, Pancho Casal, urxiu a adopción dun "plan industrial" para a comarca da Mariña tras o anuncio de Alcoa do despedimento de 534 traballadores da súa planta de San Cibrao, en Cervo. "Unha comarca non pode depender do monocultivo dunha actividade concreta", explicou.

Nunha rolda de prensa por videoconferencia ofrecida este venres, Casal insistiu en que o Estado debe "entrar no capital" da empresa "de maneira temporal", porque as achegas públicas "teñen que ser puntuais para solucionar problemas concretos".

Neste sentido, o portavoz de En Marea lembrou o exemplo de países como Francia, Alemaña e Italia, que interviñeron empresas de diferentes sectores coa intención de despois "recuperar" eses fondos "con plusvalías". "E cando se recupere, dedicalos a outra emerxencia", engadiu.

Referíndose ao caso de San Cibrao, Casal apuntou que o que está en xogo é "xa non a vida dunha empresa, senón a ruína absoluta dunha comarca", algo do que "calquera galego é consciente".

Neste contexto, asegurou que as problemáticas expostas por Alcoa para xustificar o despedimento de 534 traballadores "son meramente conxunturais", porque ", non se vai deixar de producir aluminio no mundo" e "o baixo prezo que ten" este material agora mesmo é "debido aos fondos de investimento especulativos" polo que esta crise "non vai durar para sempre".

A iso agregou que o aluminio "durante polo menos 10 ou 15 anos vai ser un material de referencia" porque vai substituír "" a outros como "os plásticos" ou "o aceiro". Por isto mesmo, instou a "actuar xa" e que o Estado "entre no capital de maneira temporal".

Ademais, o portavoz de En Marea expresou a súa "estupefacción" co "pimpampum" entre PP e PSOE na crise da planta de San Cibrao. Así, dirixiuse ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para suxerirlle que no canto de sinalar "de quen é" a culpa, "propoña" unha solución.

Casal tamén lembrou que este xoves toda a oposición no Parlamento galego rexistrou unha petición para que Feijóo compareza na Deputación Permanente e diga "se está de acordo ou non" coa entrada de capital público na compañía.

Non en balde, o líder de En Marea dixo que é "imprescindible" que o presidente galego "chame á oposición" para establecer unha interlocución sobre esta crise.

CCOO

O secretario  xeral da Federación de Industria de CCOO en Galicia, Víctor Ledo, reclamou ao Goberno que active de maneira inmediata os "mecanismos" que eviten os despedimentos anunciados na planta de Alcoa en San Cibrao e dean tamén garantías de continuidade ás empresas  electrointensivas.

Así o expuxo nunha comparecencia xunto ao presidente do comité de empresa de Alu Ibérica na Coruña e delegado de CCOO, Juan Carlos López Corbacho e os representantes sindicais en Alcoa San Cibrao e Celsa Atlántica, Jacobo Bermúdez e Diego Doldán, respectivamente.

Nela, pediulle ao Goberno que "tome cartas de maneira inmediata" e poña en marcha "os mecanismos necesarios". "Coma se ten que ser a intervención directa nestas empresas" para garantir "a totalidade dos empregos", insistiu nunha comparecencia na que apelou tamén ás "competencias" da Administración autonómica nesta materia.

"Que implemente eses convenios de transición xusta e as medidas necesarias en materia industrial para manter a produción", asegurou en referencia á Xunta. Mentres, ao Goberno reclamoulle a aprobación do estatuto electrointensivo e a posta en marcha da "folla de ruta dunha transición enerxética".

A nivel estatal, CC.OO. de Industria cre que a multinacional estadounidense Alcoa seguirá desinvestindo en España. "Non lle vale nin aínda que se lle regale a electricidade", dixo no Congreso o seu secretario xeral, Agustín Martín. "Soamente lle queda a alúmina e creo que aínda non terminou o percorrido de desinvestimento de plantas que comprou a industrias públicas españolas", manifestou durante a súa comparecencia ante a Comisión de Industria, Comercio e Turismo da Cámara Baixa, á que acudiu para dar conta da situación da industria coa crise do coronavirus.

Na súa intervención, tamén pediu actuar sobre o prezo da electricidade que debe asumir a industria, pondo en cuestión a eficacia das medidas que prepara o Goberno, en forma dun estatuto para as empresas electrointensivas ou avais públicos para os contratos enerxéticos a longo prazo, os coñecidos como PPAs.

CIG 

O sindicato CIG, que pide a intervención da planta de Alcoa en San Cibrao, instou ao Goberno central a que aprobe xa unha tarifa industrial para evitar os despedimentos.

A CIG require ao Estado a intervención pública da empresa "ante a ameaza constante ao emprego e a actividade".

Remarca que aínda se está a tempo de impedir que Alcoa execute os despedimentos e o plan de desmantelamento do complexo industrial. Para iso, demanda medidas lexislativas urxentes como recuperar a autorización administrativa dos ERE, tal e como existía antes da a reforma laboral de 2012, así como unha tarifa eléctrica máis xusta e estable.

Respecto diso, lamenta o incumprimento do Goberno socialista da derrogación das reformas laborais, pois en caso contrario a decisión de aplicar un expediente de extinción "non estaría en exclusiva nas mans de Alcoa".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pancho Sánchez

Aibá, si dan ruedas de prensa y todo como si fueran un partido político.