A Xunta inicia o luns a segunda fase de reincorporación dos empregados públicos

A terceira fase arrincará o próximo 15 de xuño.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2020 | Actualizada ás 17:09

Comparte esta noticia

A Xunta iniciará o vindeiro luns a segunda fase de reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial, dando continuidade á aplicación do Protocolo de reincorporación ratificado por todos os sindicatos con representación na mesa sectorial.

Tal e como lembrou a Administración galega, este protocolo refírese ao persoal da Xunta, sen incluír o persoal sanitario e sociosanitario; docente e non docente dos centros de ensino; e o servizo da Administración de Xustiza.

A primeira fase concluíu con normalidade, coa incorporación desde o 18 de maio dos xefes de servizo ou postos asimilados e das persoas que non podían teletraballar e tiñan o seu posto adaptado ás recomendacións sanitarias e á distancia de seguridade de dous metros.

Agora, incorporarase todo aquel persoal empregado público que non o fixese na primeira fase e que conte con espazo propio ou un lugar de traballo no que se cumpran os dous metros de separación.

A terceira fase arrincará o próximo 15 de xuño, coa reincorporación do resto de persoal, despois de acometerse os axustes necesarios nos seus postos de traballo para que se cumpran todas as garantías sanitarias.

MEDIDAS ESPECIAIS

O protocolo inclúe medidas especiais de protección para aquel persoal que presente algún tipo de enfermidade que implique a súa consideración como grupo vulnerable e que serán os últimos en incorporarse.

A determinación dos grupos vulnerables e a gradación de risco dos postos de traballo realízase de acordo ao establecido polo Ministerio de Sanidade, que fixa como grupos vulnerables as persoas con enfermidade cardiovascular/HTA, diabetes, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cancro en tratamento activo, maiores de 60 anos e embarazo.

Ademais, tamén hai excepcións para facilitar a conciliación. Por tanto, poderá seguir prestando o seu traballo en réxime de teletraballo o persoal que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores. Este réxime especial de teletraballo só se poderá conceder a un traballador para o caso en que houbese dous ou máis empregados públicos conviventes en que se dea a mesma circunstancia.

Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, durante a crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo
Corredores do complexo administrativo de San Caetano, sede da Xunta, durante a crise do coronavirus.. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta