Todo o que poderá facerse na fase 3, que elimina franxas e permite reunións de 20 persoas

Os velorios e enterros poderanse celebrar cun máximo de 50 persoas e as vodas con 150 persoas ao aire libre e 75 en espazos pechados. As terrazas poderán abrir ao 75% pero permanecerán pechadas as discotecas. Todas estas medidas chegarían a Galicia, nun principio, a partir do 8 de xuño.

Por E.P. | MADRID | 30/05/2020 | Actualizada ás 10:39

Comparte esta noticia

O Goberno eliminou as franxas horarias na fase 3 da desescalada e permitirá reunións de ata un máximo de 20 persoas en domicilios e ao aire libre, segundo recolle este sábado o Boletín Oficial do Estado.

As illas da Gomera, El Hierro, La Graciosa e Formentera son os territorios que recibiron o visto e prace do Ministerio de Sanidade para pasar a fase 3 de desescalada a patir do día 1 de xuño, tal e como informou esta semana o ministro deste Departamento, Salvador Illa. Todas estas medidas chegarían a Galicia, nun principio, a partir do 8 de xuño.

Nesta fase da desescalada, tal e como expón o BOE, non quedará reservada ningunha franxa horaria a colectivo ningún. No caso de contacto social con persoas que se atopan dentro dos grupos considerados vulnerables á COVID-19, deberanse extremar as medidas de seguridade e hixiene.

Ademais, a orde establece que os grupos deberían ser dun máximo de vinte persoas, excepto no caso de persoas convivintes, aínda que o Ministerio insistiu en que deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da COVID-19, e, en particular, as relativas ao mantemento dunha distancia mínima de seguridade de, polo menos, dous metros, ou, na súa falta, medidas alternativas de protección física, de hixiene de mans e etiqueta respiratoria.

Na fase 3, poderase circular pola provincia, illa ou unidade territorial de referencia a efectos do proceso de desescalada, sen prexuízo das excepcións que xustifiquen o desprazamento a outra parte do territorio estatal por motivos sanitarios, laborais, profesionais ou empresariais, de retorno ao lugar de residencia familiar, asistencia e coidado de maiores, dependentes ou persoas con discapacidade, causa de forza maior ou situación de necesidade ou calquera outra de análoga natureza.

Paseo de Samil, en Vigo © Miguel Núñez
Paseo de Samil, en Vigo © Miguel Núñez

TERRAZAS

As terrazas ao aire libre poderán ser ocupadas ata o 75% da súa capacidade e as zonas comúns e recreativas dos centros e parques comerciais poderán abrirse ao público limitando o seu aforamento ao 40%, permitindo, ademais, a apertura o establecemento e locais comerciais situados dentro deles ao 50% do seu aforamento.

En canto aos establecementos de hostalaría e restauración, ademais da apertura do 75% das terrazas, permitiráselles abrir ao público para consumo no local, salvo os locais de discoteca e bares de lecer nocturno, sempre que non se supere o 50% do seu aforamento. Ademais, estará permitido o consumo en barra sempre que se garanta unha separación mínima de dous metros entre clientes ou, no seu caso, grupos de clientes, similar á distancia que se establece entre mesas.

Polo que se refire aos hoteis e aloxamentos turísticos permítese a apertura ao público das zonas comúns sempre que non superen o 50% do seu aforamento. Segundo establece a orde, os espazos pechados onde se vaian  celebrar eventos, actividades de animación ou ximnasios, deberán ventilarse dúas horas antes do seu uso.

MUSEOS, ESPECTÁCULOS CULTURAIS E BIBLIOTECAS

Os museos, espectáculos culturais e bibliotecas abrirán cun aforamento máximo do 50 por cento. En concreto, aos museos poderán acudir grupos de ata 20 persoas, mantendo a distancia de seguridade interpersoal. Ademais, os cinemas, teatros, auditorios, circos de carpa e similares deberán ter as butacas preasignadas e non superar o 50 por cento do aforamento máximo en cada sala.

En calquera outro espectáculo cultural, se é en espazo pechado o aforamento será de ata 80 persoas, a condición de que non se supere o 50 por cento do aforamento do recinto; e de ata 800 persoas se é ao aire libre e as persoas están sentadas, sen superar a metade da capacidade máxima do aforamento.

Na fase 3, a publicación do BOE permite o estudo nas salas das bibliotecas, nas que se poderán realizar actividades culturais cun aforamento máximo do 50 por cento. As visitas a monumentos tamén deberán cumprir coa mesma restrición de aforamento.

VELORIOS

Os velorios poderanse celebrar cun máximo de 50 persoas nesta fase se son ao aire libre e de 25 se se celebran en espazos pechados, mentres que para o enterramento ou despedida para cremación se restrinxe a 50 persoas, segundo a orde ministerial publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Segundo a nova orde, que entra en vigor este luns, os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo, en cada momento, de 50 persoas en espazos ao aire libre ou de 25 persoas en espazos pechados, sexan ou non convivientes.

Pola súa banda, a participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de 50 persoas, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

En todo caso, o Ministerio de Sanidade insiste en que deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención da Covid-19, relativas ao mantemento dunha distancia mínima de seguridade de dous metros, hixiene de mans e etiqueta respiratoria.

Así mesmo, permitirase a asistencia a lugares de culto sempre que non se supere o 75% do seu aforamento, aínda que a capacidade máxima terase que publicar en lugar visible e deberanse cumprir as medidas xerais de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias.

VODAS

As vodas, pola súa banda, poderán celebrarse cun máximo de 150 persoas en espazos ao aire libre ou de 75 en espazos pechados, sempre que non se supere o 75 por cento do aforamento do recinto. A publicación establece que as cerimonias nupciais poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, xa sexa en espazos ao aire libre ou espazos pechados, sempre que cumpran as restricións de aforamento establecidas e as medidas de hixiene e prevención.

As celebracións que puidesen ter lugar tras a cerimonia e que impliquen algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, deberanse axustar ás condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración establecidas para a fase 3 da desescalada.

CASINOS, CASAS DE APOSTAS E BINGOS

Os casinos, establecementos de xogos colectivos de diñeiro e de azar, salóns de xogo, salóns recreativos, rifas e tómbolas, locais específicos de apostas e outros locais e instalacións asimilables aos de actividade recreativa de xogos e apostas, poderán abrir naqueles territorios que entren na fase 3 da desescalada sempre que non se supere o cincuenta por cento do aforamento permitido e, en todo caso, un máximo de 50 persoas, e se cumpran as medidas de hixiene e prevención.

Nestes establecementos deberán poñer disposición dos clientes dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade virucida autorizados e entre un cliente e outro deberase proceder á limpeza e desinfección de calquera tipo de máquina ou dispositivo a través do que se ofrezan actividades de xogo, así como de cadeiras, mesas ou calquera outra superficie de contacto.

Ademais, estableceranse os mecanismos e procesos oportunos para garantir a hixienización, cada dúas horas, das fichas de casino, cartas ou calquera outro elemento de xogo que se intercambie entre xogadores. Tamén se realizarán tarefas de ventilación periódica nas instalacións, como mínimo dúas veces ao día.

ZOOLÓXICOS, ACUARIOS E CENTROS RECREATIVOS TURÍSTICOS

Os zoolóxicos, acuarios e centros recreativos turísticos poderán reabrir ao público cunha limitación do seu aforamento total ao 50 por cento. A publicación fixa que estas instalacións deberán limitar a un terzo o aforamento nas atraccións e lugares pechados; e as zonas comerciais deberán cumprir coas condicións e medidas de hixiene e/ou prevención establecidas polo Ministerio de Sanidade.

Os hoteis e aloxamentos turísticos dos centros recreativos turísticos deberán cumprir coas condicións para a reapertura das zonas comúns de hoteis e aloxamentos turísticos establecidas polo BOE para a fase 3. O documento ordena que os centros recreativos turísticos, acuáticos e zoolóxicos deberán establecer sistemas que permitan o reconto e control do aforamento, de forma que este non sexa superado en ningún momento, e que deberá incluír aos propios traballadores.

A publicación do BOE tamén incide en que os centros recreativos turísticos, zoolóxicos e acuarios deberán pór a disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade virucida autorizados e rexistrados por Sanidade, en todo caso na entrada de cada servizo de entretemento, que deberán estar sempre en condicións de uso.

Ademais, a distancia entre os traballadores e os clientes durante todo o proceso de atención ao cliente será de polo menos un metro cando se conte con elementos de protección ou barreira, ou de dous metros sen estes elementos.

ACTIVIDADES NA NATUREZA

A orde publicada permite, ademais, realizar actividades de turismo activo e de natureza para grupo de ata 30 persoas.  En canto á actividade de guía turístico, a publicación apunta que se concertarán, preferentemente, mediante cita previa e os grupos serán dun máximo de 20 persoas. Durante o desenvolvemento da actividade evitarase o tránsito por zonas ou lugares susceptibles de xerar aglomeracións.

Así mesmo, deberán respectarse as condicións en que debe desenvolverse a actividade de visita a monumentos e outros equipamentos culturais. Ademais, durante o desenvolvemento da actividade non se poderán fornecer audioguías, folletos ou outro material análogo. Nas actividades deportivas, culturais ou recreativas permitidas nos espazos naturais, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do Covid-19.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta