Intensifícase a vixilancia nas praias no primeiro fin de semana da fase 2

Ao longo das últimas semanas fóronse perfilando, ademais, outras medidas de control do aforamento nas praias que se poñerán en marcha de cara á tempada de verán.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2020 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

Galicia vive o seu primeiro fin de semana en fase dúas e, ante a previsión de altas temperaturas, os concellos galegos intensificarán os labores de vixilancia das praias para comprobar que se cumpren as medidas de seguridade contra a COVID-19.

Co fin de semana, segundo apuntaron desde distintos municipios costeiros, espérase que se incremente a cifra de usuarios das praias, aínda que as entidades locais confían na responsabilidade da cidadanía para manter a distancia de seguridade nos areais.

Durante esta primeira semana na que estivo permitido o baño dentro do proceso de desescalada, as praias galegas non rexistraron problemas de aglomeración. Aínda que os axentes de Policía Local e efectivos de Protección Civil prestaron atención aos puntos onde se esperaba máis xente, o uso das praias foi graduado e non se xeraron problemas.

De cara a este fin de semana, algunhas localidades galegas que habitualmente reciben máis persoas nas súas costas incrementarán as patrullas de vixilancia para advertir os usuarios no caso de que se detecten aglomeracións. No entanto, dado que aínda non se permite a mobilidade entre provincias, non esperan que se produzan situacións de risco, do mesmo xeito que sucedeu o pasado fin de semana, cando as amoestacións e multas foron mínimas.

MEDIDAS PARA O VERÁN

Ao longo das últimas semanas fóronse perfilando, ademais, outras medidas de control do aforamento nas praias que se poñerán en marcha de cara á tempada de verán. Os concellos máis precoces non as poñerán en marcha, polo menos, ata a semana do 15 de xuño, mentres que outros o pospoñerán ata o 1 de xullo.

Algunhas destas medidas, como é o caso de Vigo, Sanxenxo ou Ribeira, pasan por 'parcelar' as praias en espazos máis ou menos amplos nos que distribuír aos bañistas, sobre todo para facilitar o labor dos axentes que vixíen que se cumpren as normas. Ademais, tanto en Ribeira como en Sanxenxo xa avanzaron que comprobarán o cumprimento de aforamentos con drones.

Os areais urbanos, como os de Vigo e A Coruña, contarán cun plan de usos, zonas de acceso e saída e control de usuarios, aínda que a maior parte dos concellos galegos --que xestionan un milleiro de praias-- optaron por instalar paneis informativos e apelar á responsabilidade. As medidas son extensivas tamén ás praias fluviais.

Policía Local de Vigo vixía o cumprimento das medidas de seguridade na praia de Samil, en Vigo © Miguel Núñez Policía Local de Vigo vixía o cumprimento das medidas de seguridade na praia de Samil, en Vigo © Miguel Núñez
Policía Local de Vigo vixía o cumprimento das medidas de seguridade na praia de Samil, en Vigo © Miguel Núñez Policía Local de Vigo vixía o cumprimento das medidas de seguridade na praia de Samil, en Vigo © Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta