O Goberno central delegará na Xunta o control da desescalada na Fase 3

Feijóo di que permitirá a mobilidade dos galegos entre provincias, que é o que estaba previsto para esa fase.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2020 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O Goberno central anunciou que delgará nos gobernos autonómicos, e no caso de Galicia, na Xunta, o control da desescalada na fase 3.  Neste sentido, e tras este anuncio, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou que permitirá a mobilidade dos galegos entre as catro provincias, que é o que xa prevía Madrid para a fase 3.

Na rolda de prensa posterior á reunión co xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, e o resto de líderes autonómicos, Feijóo confirmou que, se a próxima prórroga do estado de alarma lle permite "asumir o mando", Galicia "asumirá a propia decisión, no exercicio das súas competencias, de recuperar a mobilidade dentro das catro provincias, as sete cidades e os concellos".

No entanto, apelou a esperar á aprobación do Real Decreto-Lei de ampliación do estado de alarma no próximo Consello de Ministros, xa que ata entón non se vai a coñecer "en que consiste con exactitude a fase 3".

Ademais, Feijóo expuxo, durante a duodécima videoconferencia, a recuperación da normalidade nos desprazamentos entre as eurociudades que comparten Galicia e o norte de Portugal, xa que "non entenden nin comparten, igual que o Goberno galego, esta ruptura das relacións comerciais e turísticas" entre elas. Tamén no ámbito da mobilidade, o titular da Xunta coincidiu co seu homólogo asturiano, Adrián Barbón, en que se retome o tránsito na ponte que conecta Ribadeo (Lugo) e a comunidade veciña.

Paralelo a todo iso, Feijóo apuntou que "algún concello" galego advertiu dunha "notable presenza de persoas que proveñen doutras comunidades autónomas". Así, tras avisar de que esta causa influíu "en boa parte" o inicio da pandemia en Galicia, incidiu na necesidade de que haxa un protocolo estatal fronte a posibles rebrotes.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión cos líderes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na reunión cos líderes autonómicos e o presidente do Goberno, Pedro Sánchez.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta