Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/06/2020 | Actualizada ás 16:10
A Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec) solicitou á Consellería de Sanidade "unha dotación de medios extraordinaria" para afrontar o período estival 2020, así como "unha terceira volta do estudo de seroprevalencia" tras o verán.
Esta sociedade científica de enfermaría informou de que demandou "a cobertura do 100% das ausencias" nos cadros enfermeiros de Atención Primaria en Galicia, ademais dun "reforzo extra" para "afrontar a segunda volta do estudo de seroprevalencia do SARS-CoV-2".
Este colectivo xustifica a súa petición na "necesidade de afrontar cos máximos recursos posibles" a segunda parte do estudo de seroprevalencia da Xunta, así como tamén "a recuperación da actividade asistencial programada que se viu aprazada polas restricións na mobilidade da cidadanía e asistenciais para lograr unha estabilización dos índices da pandemia".
"INFORMACIÓN VALIOSA"
Agefec propón ás autoridades sanitarias "valorar unha terceira volta do estudo de seroprevalencia á volta do verán" na que, destaca, "prevese un considerable incremento da circulación do virus coa apertura das fronteiras da comunidade e a afluencia de persoas doutras comunidades nas que a taxa de infección foi superior".
"Esa información ao remate do verán, comezos do outono, pode ser valiosa para a saúde pública e a planificación asistencial cara ao outono e a campaña de vacinación contra a gripe", sentenza.
En relación á segunda onda, cuxo inicio estimou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para a semana próxima, Agefec destaca o "esforzo" que representará a súa realización, á vez que incide en que "a experiencia previa da volta anterior vai contribuír moi positivamente".
"Valoramos que se conte coas enfermeiras de familia e comunitaria para liderar este tipo de estudos epidemiolóxicos e de saúde pública", incidiu esta sociedade científica.
Así mesmo, reivindicou que "se deixe de desvirtuar e menosprezar a Atención Primaria" e "se traballe por dotala dos recursos (especialmente humanos) necesarios para afrontar os problemas de saúde dos galegos", concluíu Agefec.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.