Familiares de centros de día a Feijóo: Como é que se pode votar e ir a misa e non abrir os centros de día?”

Familiares de usuarios dos centros de día recollen sinaturas para que a Xunta reconsidere a decisión de mantelos pechados, mentres que a Federación Alzhéimer Galicia alerta da “deterioración” de pacientes. Pola contra, Euskadi, o modelo a seguir para Feijóo, xa abriu algúns centros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Plataforma galega de Centros de Día, a Federación Alzhéimer Galicia, as direccións e traballadores de centros de día de Galicia e numerosos familiares iniciaron unha pequena revolución, principalmente, a traves das redes sociais pero tamén con escritos públicos, tras a decisión da Xunta de manter estas instalacións pechadas ata setembro, a pesar das promesas da Consellería de Política Social de que se poderían abrir xa no mes de xuño.

Anciá que vive soa e que busca compaña en momentos de soidade ao non poder estar acompaña por outra xente maior
Anciá que vive soa e que busca compaña en momentos de soidade ao non poder estar acompaña por outra xente maior | Fonte: XdM

A inesperada decisión, anunciada o pasado venres 29 de maio sen lla ter comunicada ás direccións dos centros de día de Galicia, está orixinando unha chea de críticas. Críticas dirixidas á improvisación da Xunta que, agora, di que non se poden abrir uns centros "que son imprescindibles para moita xente maior que está a sufrir un verdadeiro deterioro manténdose nos seus domicilios".

Hai uns días era o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen lle pedía xa ao Goberno central que normalizara a situación nos centros de maiores e de persoas con discapacidade e anunciaba un protocolo –logo non cumprido-- para que os familiares puideran xa visitar aos seus seres queridos. “Hai que normalizar xa a situación”, dicía entón. Unha normalidade que agora parece non querer recoñecer.

Silvia De Cal, voceira da Plataforma galega de Centros de Día, colectivo que agrupa a máis dun 70 por cento de todas as instalacións destas características no país, denuncia os casos de usuarios de centros de día que marcharon para casa camiñando, totalmente autónomos, e agora están encamados. 

DETERIORO DE PACIENTES 

Tamén desde a patronal dos centros de día ou entidades como a Federación Alzhéimer Galicia alertan de que a demora en abrir estes centros agudiza a "deterioración" de moitos dos seus usuarios.

Un ancián e unha muller paseando
Un ancián e unha muller paseando | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press

"Teñen que ser declarados servizos esenciais"

A entidade que aglutina a varias asociacións de axuda a pacientes con demencia insta á Xunta a permitir a atención "inmediata" deste tipo de pacientes ante "a importante deterioración que están a sufrir debido ao confinamento e a non poder acudir ás terapias nestes centros". A Federación de Alzhéimer esixe recoñecer como "esenciais" estes servizos e permitir a reapertura de centros coas medidas de seguridade ás que obrigue a pandemia.

DECISIÓNS POLÍTICAS E NON TÉCNICAS

Por toda Galicia, tamén en Verín, tal e como informa o xornal Diario do Támega, os familiares dos usuarios dos centros de día están asinando na páxina web Change.org para que a Consellería de Política Social reconsidere a decisión de non reabrir ata o mes de setembro. “Non se tivo en conta para nada as nosas recomendacións. A Xunta debeu, e debe, escoitarnos e escoitar ás familias, non se pode infantilizar aos usuarios dos centros de día, un centro de día non é unha gardería”,indica Silvia De Cal.

Neste sentido, destaca que aos centros de día acuden persoas, moitas delas, capaces de decidir por si mesmas, e que só buscan manter algunas das súas habilidades motoras, que en todo este confinamento perderon. De Cal confirmou que na derradeira reunión -o pasado 25 de maio- que tivo coa conselleira do ramo, Fabiola García, e o director xeral de Maiores, Ildefonso de la Campa, "non se falou de que os centros de día permanecesen pechados ata o mes de setembro, só nos pediron uns días para darnos unha resposta cando nós reclamabamos que a apertura fose inminente. 

 

“Non se falaba de que ía haber un abroncho do andazo precisamente no outono?"

“Eles non entenden que, si, que o contaxio é unha posibilidade, pero o que é xa real é o deterioro terrible que xa experimentaron moitos dos nosos anciáns", apunta. "Non somos uns desalmados, pero tomaron esta decisión sen ter un motivo técnico claro. Que ocorre, que se pode ir a votar ou ir á misa os domingos e non se pode ir a un centro de día onde si se van a garantir todas as medidas sanitarias precisas? Por que en setembro en non agora?”, denuncia.

Non se falaba de que ía haber un abroncho do andazo precisamente no outono? Vaise reabrir cando, segundo as previsións da Xunta, haxa outro abroncho para que teñamos que pechar nun mes?", preguntábase a directora do centro de día vigués Aledia e voceira da Plataforma galega deste colectivo. 

EUSKADI ABRIU

No País Vasco, o plan foral contempla reiniciar o conxunto dos servizos sociais interrumpidos polo estado de alarma cando se aprobe o pase á fase 3, circunstancia que en Galicia tería lugar o vindeiro luns. Farano adaptados ás novas circunstancias, sempre con PCR negativas de todos os seus usuarios e dándolle prioridade a aqueles centros de día que non estén anexados a residencias de maiores.

Algúns centros de día, como Laztana, en Barakaldo, xa está funcionando dende ese luns, como así puido comprobar a redación de Diario do Támega. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta