O desemprego baixou un 0,29% con respecto a abril tras a entrada nas primeiras fases do desconfinamento

Sindicatos alertan de que máis de 400.000 galegos están en paro ou ERTE e demandan un plan de reconstrución.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/06/2020 | Actualizada ás 10:39

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo INEM) en Galicia baixou en 547 persoas (-0,29%) en maio respecto de abril até os 191.082 parados. Unha situación que ten que ver coa entrada de Galicia nas primeiras fases do desconfinamento e a apertura de numerosos negocios. Con todo, a cifra contrasta coa subida de 26.573 desempregados en España (+0,69%), segundo datos do Ministerio de Traballo e Economía Social publicados este martes.

Paro
Paro | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

En cambio, na comparativa interanual o paro dispárase un 18,8% en Galicia en maio respecto ao mesmo mes de 2019, con 30.277 desempregados máis.

No entanto, o incremento de maio no Estado foi dez veces menor que o rexistrado en abril e once veces máis baixo que o de marzo, meses nos que a crise sanitaria levou a un repunte do desemprego de 282.891 e 302.265 parados, respectivamente. Traballo destacou ademais que o ritmo mensual de crecemento do desemprego reduciuse desde o 8% de abril ao 0,69% en maio.

SINDICATOS


Os principais sindicatos en Galicia alertan de que máis de 400.000 galego se atopan en paro ou afectados por un ERTE, máis aló dos datos "conxunturais" de maio cunha baixada do desemprego e un aumento das afiliacións. Por iso, demandan política activas de emprego cun plan de choque.

UGT Galicia reclama un "plan de reconstrución" para superar a crise polo coronavirus, debido ao seu impacto entre mocidade, mulleres e sector servizos como máis afectados. Aínda que os datos "revelan a retardación do ritmo de destrución de emprego debido á reactivación pola deshibernación dos sectores produtivos", observa que queda clara a necesidade de estender as medidas de protección ante a gran cantidade de afectados.

A este respecto, UGT ve como "fundamental" o recentemente aprobado polo Goberno central ingreso mínimo vital como instrumento "absolutamente esencial" para dar cobertura ás persoas que se atopan fóra do sistema de protección.

CIG PIDE A "DEMOLICIÓN DA REFORMA LABORAL"

Pola súa banda, a CIG fai fincapé que máis do 30% da poboación activa galega está en situación de desemprego, pese ao lixeiro descenso do paro en maio "como consecuencia do leve aumento da actividade no sector da construción na provincia de Pontevedra". Ademais, remarca que o paro aumentou un 18,8% no que vai de ano respecto ao mesmo período de 2019, mentres o número de parados desde que se inicio a pandemia creceu en 24.853 en Galicia, ao que hai que sumar os máis de 200.000 traballadores en ERTE.

Por iso, a CIG insiste en aplicar un plan de emprego en Galicia "baseado na demolición da reforma laboral, no investimento público e na participación pública no tecido industrial".

CC.OO. CHAMA A XUNTA A COMPLEMENTAR PRESTACIÓNS MÁIS BAIXAS

CC.OO. considera que as políticas de estímulo son "máis necesarias que nunca", polo que urxe a Xunta a actuar no ámbito das súas competencias e que acompañen as medidas estatais.

E é que resalta que se o Estado non adoptase medidas para o mantemento do emprego trataríase dunha "crise do emprego sen precedentes". Mentres, reduce a baixada do paro en maio a unha situación "conxuntural" por ser a economía galega menos dependente do turismo e debido á "deshirbenación" de sectores pola desescalada.

Ademais, insta o Goberno galego a reforzar as redes de protección social, polo que require que dedique o orzamento que destinaba á renda galega de inserción social (Risga) a complementar as contías das prestacións máis baixas, como pode ser o caso das pensións non contributivas ou do ingreso mínimo vital.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta