Unha empresa de Bergondo desenvolve un sistema de control de acceso baseado na medición da temperatura

Feijóo destaca a "innovación" e o "desenvolvemento tecnolóxico" como claves para o proceso de "reactivación" económica.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 14:02

Comparte esta noticia

A empresa 3iC Ingeniería y Control radicada no concello coruñés de Bergondo reorganizou a súa produción para dedicarse ao desenvolvemento dun sistema de control baseado na medición da temperatura dunha persoa a través dun sensor infravermello que evita contacto coa máquina e, por tanto, minimiza a posibilidade de contaxio.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante unha visita ás instalacións da empresa situada en Bergondo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante unha visita ás instalacións da empresa situada en Bergondo | Fonte: Xunta.

Este martes, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, visitou as súas instalacións xunto co conselleiro de Economía, Francisco Conde. Alí, o mandatario destacou a "innovación e o desenvolvemento tecnolóxico" como "claves" para o proceso de reactivación da economía ao que debe facer fronte Galicia neste proceso de transición.

Esta compañía de Bergondo, que conta con experiencia no ramo da automatización, decidiu recentemente apostar por unha reorganización da súa produción e dedicarse ao deseño, programación e montaxe de equipos de control da temperatura, segundo detalla a Xunta nun comunicado emitido aos medios tras a visita.

O sistema consiste nun sensor de temperatura infravermello, pensado para evitar o contacto entre máquina e persoa e así abundar nas medidas de hixiene para previr contaxios.

Este mecanismo está pensado para situarse á entrada de instalacións ou salas para controlar o acceso, tanto no caso de aforamentos limitados como no de persoas que poidan presentar parámetros de saúde fóra dos normais. Neste caso, o sistema emite un son sonoro e impide o acceso á área en cuestión.

3iC Enxeñaría e Control apostou por este negocio tras indentificar novas oportunidades de negocio xurdidas tras a pandemia, que obrigou a extremar medidas de control de acceso e hixiene.

O proxecto, segundo detalla a Xunta, permitiu abrir unha "nova rama de negocio" que logrou que a empresa "recuperase niveis de emprego" despois de que o parón na actividade fixese "innecesario" o traballo de mantementos externos.

NÚÑEZ FEIJÓO

Durante a súa estancia nas instalacións desta empresa, Núñez Feijóo destacou "o esforzo" do sector galego da innovación, que constitúe un ámbito "estratéxico" tanto pola súa función en labores de prevención e seguridade ante a pandemia como polo seu efecto na economía.

Nesta liña, incidiu en que este tipo de sistemas permitirán que negocios de sectores como o comercio, o turismo, os servizos e o transporte regresen á actividade trasladando "a máxima confianza" a consumidores e traballadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta