O Sergas asegura que "non hai rebrotes" de Covid-19 en Galicia

Di que a aparición de "tres ou catro" positivos que estean relacionados entre si xa serían "máis dos esperados". O Servizo Galego de Saúde prevé comezar o luns, 8 de xuño a segunda onda do estudo de seroprevalencia para coñecer a circulación do coronavirus en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

O subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, asegurou que "afortunadamente non hai rebrotes" de COVID-19 en Galicia e explicou que, se "nalgún colectivo ou territorio" aparecen novos casos agrupados nunha contorna concreta, realizaríase "un estudo epidemiolóxico intenso".

Test do coronavirus SARS-CoV-2 no exterior do hospital Meixoeiro de Vigo
Test do coronavirus SARS-CoV-2 no exterior do hospital Meixoeiro de Vigo | Fonte: © Miguel Núñez.

Así o afirmou Hervada este martes, durante a rolda de prensa na que participou xunto ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e ao director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, para informar sobre a solicitude remitida ao Ministerio de Sanidade para que o catro provincias galegas avancen á fase 3 da desescalada a partir do próximo luns 8 de xuño.

Preguntado sobre o protocolo fronte a rebrotes que ten o Servizo Galego de Saúde (Sergas) e ao que aludiu este fin de semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o subdirector xeral dixo que a "principal" liña de actuación "é o seguimento diario e inmediato" dos datos da pandemia en Galicia.

"Se nalgún momento se identifica que nalgún colectivo ou territorio determinado están a aparecer máis casos dos esperados, que nestes momentos serían tres ou catro casos relacionados entre si, desenvolveríase un estudo epidemiolóxico intenso nesa contorna para identificar esas cadeas de transmisión" a través de test, "aínda que estivesen asintomáticos", explicou Hervada.

"AGRUPACIÓNS DE CASOS"

Deste xeito, engadiu, Sanidade pode "controlar os pequenos brotes que se poidan producir". Iso si, máis que de rebrotes preferiu falar de "agrupacións de casos", porque "sempre van ser poucos", matizou.

Neste sentido, Hervada recalcou que "rebrote non houbo" en Galicia, pero si nalgún momento "máis casos en Ourense que noutras provincias". Así, tamén deu o dato de que A Coruña é neste momento a provincia que rexistra taxas máis elevadas, aínda que "parecidas" a Ourense e Lugo e sempre por baixo dun caso detectado cada tres días, cando "o limiar de alerta" sería de seis.

"ACTITUDE DE VIXILANCIA"

En calquera caso, se se detecta unha transmisión máis alta nalgún ámbito, os médicos de Atención Primaria "van ter coñecemento" da historia clínica tanto dos seus pacientes directos "como dos contactos" destes, "o que tamén facilita unha actitude de vixilancia para identificar rapidamente" novos positivos.

O que lles "preocupa", segundo trasladou o subdirector xeral de Información sobre Saúde, é a aparición de contaxios en colectivos "con capacidade de amplificación" como as residencias de maiores —a principal poboación de risco fronte á COVID-19— e "centros de traballo ou de lecer". "Sobre eses temos unha actitude de vixilancia diaria moi estrita", garantiu.

SEGUNDA ONDA DO ESTUDO DE SEROPREVALENCIA

O Sergas prevé comezar o luns, 8 de xuño, o test da segunda onda do estudo de seroprevalencia para coñecer a circulación do coronavirus COVID-19 en Galicia, tras a baixa incidencia apuntada pola primeira parte (nun 1%).

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, comentou que "entre mañá (mércores) e pasado (xoves)" os centros de saúde van recibir as listaxes para que "vaian contactando e convidando" aos seleccionados a participar.

"É de forma voluntaria", lembrou Aboal, quen manifestou que, a partir do día 8 de xuño, empezarán a acudir os citados a realizar o test correspondente.

Deste xeito, ratificou o director xeral que se prevé terminar en "dez días" a realización das probas para sobre o "18-20" de xuño desta segunda onda e, como na primeira parte do estudo, posteriormente, analizar os datos e extraer conclusións.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu o estudo, avalado por "técnicos de saúde pública" que, lembrou, a súa primeira parte ratificou unha "incidencia baixa" do virus en Galicia.

"O noso estudo permite ter un detalle en todas as comarcas de Galicia", lembrou, para matizar que o do Ministerio de Sanidade "non chega e queda nun ámbito inferior". "Os dous achegan e son diferentes", insistiu.

Con todo, defendeu que, a pesar de críticas dalgunha sociedade científica, se realice a segunda onda como esta previsto co fin, catro semanas despois, "valorar se houbo algunha modificación" na circulación do virus. E avanzou, que probablemente, "nuns meses", volvan repetilo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta